Podo cruzar municipios fechados para desprazarme a un lugar permitido? A Xunta aclárao

Control de mobilidade pola pandemia no entorno de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A Xunta incluíu no decreto de actualización de medidas para a contención da Covid-19, que entrou en vigor a pasada medianoite, a posibilidade de cruzar "sen ningunha restrición" territorios que estean fechados para realizar desprazamentos permitidos a municipios no mesmo nivel.

Aínda que esta posibilidade xa fora incluída con anterioridade e deuse por feito verbalmente, a Xunta decidiu recollelo explicitamente no último decreto de medidas publicado no DOG, onde se indica que "non estará sometida a ningunha restrición a circulación en tránsito" a través dos fechamentos perimetrais, sempre que o destino final estea entre os permitidos.

Isto aplícase tanto para os fechamentos municipais por alta incidencia ou por área sanitaria vixentes como ao propio fechamento perimetral da Galiza, se é necesario vulneralo para acceder a un concello cuxa mobilidade está permitida.

Soutomaior, o único fechado

A maiores, o decreto publicado no DOG ratifica os fechamentos e mobilidade acordados polo comité clínico da terza e que están vixentes desde esta sexta feira. Con iso, o único municipio fechado perimetralmente é de Soutomaior, onde a hostalaría debe permanecer fechada ao publico e as reunións limítanse a conviventes.

Así mesmo, continúan fechadas perimetralmente a totalidade das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra, cuxos concellos só teñen mobilidade entre eles. Nestas áreas a hostalaría só pode abrir en terraza ao 50%, até as 18 horas, e as reunións limítanse a catro persoas, conviventes ou non.

Neste mesmo nivel alto quedan os concellos de Cariño, Tordoia e Porto do Son; os de Guitiriz, Lourenzá e Pobra do Brollón; os de Mos, Mondariz e Pazos de Borbén e o de Boborás. Neste caso, a mobilidade está permitida só entre eles.

Finalmente, o resto dos concellos galegos queda no terceiro nivel, con restricións de carácter medio, que permiten unha capacidade do 30% no interior de bares, restaurantes e cafetarías e do 50% nas terrazas -até as 18 horas. Así mesmo, está permitida a mobilidade con concellos no mesmo nivel e reunións de non conviventes cun máximo de catro persoas. Entre outros municipios, a este nivel incorpóranse a da área sanitaria de Ferrol, que até agora permanecía fechada perimetralmente pola presión UCI.

O decreto do DOG, con erros

O decreto publicado no Diario Oficial de Galiza -e que entrou en vigor a medianoite- incorría, no entanto, nalgún erro na listaxe de municipios incluídos en cada nivel de mobilidade. Con todo, desde a Consellaría de Sanidade precisaron que se corrixirán noutra publicación esta sexta feira e que a mobilidade quedará tal e como se anunciou.