Alberto García-Basteiro: "Poderíase ter feito máis para enfrontar mellor a segunda onda de contaxios"

Alberto Garcia-Basteiro, epidemiólogo e investigador (ISGlobal).
Alberto García Basteiro (Vilalba, 1982) é profesor asistente de investigación de ISGlobal e epidemiólogo do Hospital Clínic de Barcelona. A canda outros expertos internacionais vén de asinar unha carta na que detallan como debe ser a avaliación  independente da xestión da pandemia que urxen realizar no Estado español.

—Por que é urxente unha avaliación profunda da pandemia?
É urxente porque seguimos sen saber a ciencia certa por que somos un dos países mais afectados pola pandemia, tanto na primeira onda como agora, na segunda. É fundamental facer unha boa análise do que non funciona ou do que non facemos ben para tentar facelo mellor. É algo que facemos noutros moitos contextos persoais ou profesionais. Non debe sorprender a ninguén. E isto é compatíbel con seguir loitando contra a pandemia. Non aceptar unha avaliación significa que non se aprecia a súa importancia, que non se entenden os seus obxectivos ou que se é optimista en exceso con que a pandemia acabará nun moi curto prazo.

—E como apuntaba, axudará a explicar a incidencia do novo coronavirus no Estado español.
Pretendemos simplificar as causas e reducilas a un único aspecto, pero son varios os elementos que contribúen a que esteamos así. Por iso insistimos en que a identificación seria desas causas debe ser obxecto dunha análise académica seria.

—Inciden en que non se trata de buscar culpábeis senón de identificar fraxilidades reversíbeis que impulsen cambios. Cales serían os beneficios?
Os beneficios pasan por fortalecer todas esas estruturas que agora mesmo non están a altura para someter o sistema a un estrés desta magnitude. Ademais, seguramente, tamén mellorará as decisións que tomamos, os mecanismos de xestión, a coordinación, que entendo que son chave para dar resposta a esta crise sanitaria.

—Significa que non abonda cunha simple análise da xestión da pandemia, que cómpre reparar tamén nas circunstancias estruturais de cada territorio?
Eu penso que é moito máis profundo que a xestión en si. Cómpre reparar en todos os aspectos, sociais, económicos, demográficos. Houbo un desentendemento das estruturas de saúde pública. As condicións de habitabilidade de moitas persoas, temporeiros ou non, distan moito das ideais para que non sexan caldo de cultivo de transmisión. A situación das residencias, en canto á calidade dos coidados e o acceso aos servizos de saúde, é algo que ten que ser revisado e regulado. Pero as causas, de forma certeira, deben ser provistas por esa avaliación que pedimos, independente e multidisciplinar.

—Atendendo á evolución da pandemia na Galiza, que consideracións son chave neste territorio para entender o seu impacto no territorio e responder no futuro a esta ou a outras pandemias? 
A situación galega non é tan preocupante como noutras comunidades autónomas. Creo que se ten reaccionado relativamente rápido ante a detección de brotes e pode ser que determinadas características da nosa demografía, como a dispersión, o despoboamento ou un número importante de persoas maiores exposto a poucos contactos tamén axuden. Aínda así, non nos podemos conformar, e hai que tentar baixar a incidencia dos niveis actuais. Os elementos críticos de rastrexo e fortalecemento da vixilancia epidemiolóxica aplícanse tamén para o caso galego.

—A maioría do Parlamento galego rexeitou investigar o que aconteceu e acontece nas residencias de maiores. É unha mala noticia?
Desde logo, unha análise profunda das poboacións vulnerábeis é moi necesaria para que non se volvan cometer os mesmos erros. Sabendo o que sabemos da primeira onda, non se deberan dar brotes tan grandes nas residencias.

—A experiencia da primeira vaga de contaxios soubo preparar o sistema, as autoridades e a sociedade para esta volta?
Parece que pouco, á vista da situación actual. Pero o tempo dirá. E non o digo eu, dío o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades mais a Organización Mundial da Saúde. Á vista do número de casos actuais, mortes, número reprodutivos, taxas de hospitalización ou PCR por caso confirmados, constátase que se podía ter feito máis para enfrontar mellor a segunda onda

— Todos os esforzos recaen na ciencia, mais parece reducirse á consecución dunha vacina. Que máis pode e debe achegar a ciencia mais a comunidade científica?
Sería importante que a ciencia conseguise mellores tests diagnósticos, tratamentos e profilaxes efectivas, aínda que non se consigan no curto prazo. O mundo científico é fundamental para asesorar as autoridades a tomar decisións máis informadas. Un bo exemplo é o modelo suízo, que ten comités de expertos por áreas temáticas relevantes, que publican informes para asesorar o Goberno. Alén diso, axudaría a quitar a presión aos funcionarios dos distintos Ministerios e Consellarías, e a facer moito máis transparente a toma de decisións.

Cinco chaves para volver á nova realidade

Figuras eminentes da Saúde Pública de nove países de Europa e Asia-Pacífico acaban de publicar en The Lancet unha análise comparativa das medidas que hai que ter en conta para recuperar a normalidade após o confinamento e as leccións aprendidas do levantamento das restricións. A comunidade experta revela cinco chaves: un bo coñecemento dos niveis de infección, que exixiría datos precisos de alta calidade en tempo real; a implicación e a participación da comunidade na resposta, que obrigaría os Gobernos a xerar confianza e seleccionar medidas que o público estea disposto a cumprir; un investimento sostido na capacidade estrutural tanto da saúde pública como do sistema sanitario; control de fronteiras e da mobilidade para eliminar a transmisión doméstica, ademais dun sistema efectivo de busca, proba, rastrexo, illamento e apoio antes de aliviar as restricións.