"Podería ter regresado á casa, pero coa situación actual en Madrid toca priorizar"

Madrid é actualmente a área do Estado con máis casos confirmados de doentes da COVID-19.
Nós Diario conversa con galegas na área con máis casos de coronavirus.  "Estes días estase a falar de que existe a posibilidade de que pechen a comunidade de Madrid, e a verdade é que penso que a mellor maneira de evitalo é ser responsábeis", di Antía Seijas.

A Comunidade de Madrid é, actualmente, o territorio estatal con máis casos detectados de contaxios pola nova cepa de coronavirus. Nun contexto no que aumenta o teletraballo e se suspenden as aulas, galegas e galegos que residen en barrios madrileños contan a Nós Diario que decidiron non volver ao fogar familiar nun exercicio de responsabilidade para evitar novos contaxios.

"Eu podería ter regresado á casa a pasada segunda feira, cando a miña empresa enviou un comunicado animando as empregadas a teletraballar, mais creo que debo ser responsábel. Claro que teño ganas de estar con meu pai, miña nai ou a miña parella, como todo o mundo, pero sabendo como está a situación en Madrid na actualidade, e as posibilidades de que a enfermidade se propague se viaxamos, creo que toca priorizar", declara  a coruñesa Carmen Bouza.

Carmen salienta que entende as persoas que nestes momentos desexan desprazarse até os seus lugares de orixe. "Pero hai que pensar que non somos as únicas nesta situación", di.

Como Carmen, Rubén Valvede comezou a teletraballar desde hai uns días. "A nosa empresa ofreceunos formación para poder facelo mesmo antes de que o propio Goberno o recomendase", explica. No plantel da compañía aínda non se detectaron casos de enfermidade por coronavirus, mais Rubén ten compañeiras que viaxaron a "áreas de risco, como Italia", polo que se tomaron distintas precaucións para asegurar a saúde das empregadas. "Medímonos a temperatura e esta sexta feira fannos unha revisión", di.

Antía Seijas, oleiresa afincada en Madrid, tiña previsto visitar esta fin de semana a súa familia. "Despois de pensalo e tendo en conta as recomendacións que achegou Sanidade de non viaxar se non é necesario, decidín que o mellor que podo facer é quedar", comparte. A súa familia, engade, "comprendeuno". "Están preocupadas, pero entendérono", di.

Ningunha das amizades de Antía presentou os síntomas da enfermidade COVID-19. "Só teño un amigo con gripe común, pero tamén sabemos polo Goberno que pode tardar un tempo en manifestarse", salienta.

Antía é música, canta e toca en dous grupos: Primas Hermanas e Casa Manuela. "Canceláronos todos os concertos que tiñamos programados as vindeiras semanas na cidade por precaución dos bares, pero esperamos poder tocar noutras datas", comparte. 

O día a día na cidade

"A situación agora mesmo na ciedade é curiosa, ves persoas con luvas de látex ou máscaras no rostro", conta Rubén Valverde, "ademais nas conversas está moi presente en todo momento o tema do coronavirus en xeral". No seu barrio, as baldas dos supermercados permanecen máis baleiras do que é habitual, mentres que no de Antía "despois duns momentos de pánico cando suspenderon as clases, practicamente volveron á normalidade".

"Estes días estase a falar de que existe a posibilidade de que pechen a comunidade de Madrid, e a verdade é que penso que a mellor maneira de evitalo é ser responsábeis", asegura Antía, quen expresa o seu desexo "de poder visitar a miña familia pronto".