Pode chegar a estenderse a malaria por todo o mundo? O cambio climático podería provocalo

Exemplar de mosquito (Foto: Nós Diario).
O director executivo do Fondo Mundial para a loita contra a sida, a tuberculose e a malaria, Peter Sands, sinalou que é "un momento de dar a voz de alarma".

O director executivo do Fondo Mundial para a loita contra a sida, a tuberculose e a malaria, Peter Sands, advertiu de que o cambio climático "está a levar a malaria a novos territorios".

"Nun mundo cada vez máis cálido, húmido e poboado, a epidemioloxía da malaria, unha enfermidade que cada minuto acaba coa vida dun neno, está a cambiar, o que fai máis difícil predicir, previr e controlar os surtos. O cambio climático, sumado a unha falta crónica de investimento, está a converter a malaria nunha das maiores ameazas para a saúde mundial", alertou Sands con motivo do Día Mundial da Malaria.

O director do Fondo Mundial sinalou que este ano a celebración do Día Mundial é "un momento de dar a voz de alarma". "O aumento das temperaturas probabelmente provoque a expansión en miles de quilómetros das rexións nas cales proliferan os mosquitos transmisores da malaria. Xa estamos a ver casos de malaria en zonas de maior altitude de países como Etiopía e Quenia, onde até o de agora as baixas temperaturas ofrecían protección fronte aos mosquitos", asegurou.

Nova propagación

Igualmente, Sands indicou que se están producindo cambios nas zonas onde se propagan os diferentes tipos de mosquitos. Por exemplo, o Anopheles stephensi, presente sobre todo en Asia, "detectouse no Corno de África e estase estendendo a África oriental e occidental".

"A especie stephensi adáptase máis facilmente ás condicións urbanas que a maioría dos mosquitos e, a diferenza doutras especies de Anopheles que prevalecen actualmente en África, pode portar varios tipos de parasitos da malaria", explicou.

Segundo o Fondo Mundial, isto significa que os programas de control da malaria en determinados países de África "agora teñen que enfrontarse tanto a un novo tipo de mosquito como a un novo parasito da malaria".

A esta situación súmase, ademais, que o financiamento da loita contra a malaria "estancou hai unha década". "Segue estando excesivamente concentrado nun limitado número de actores internacionais e de países desbordados que, ademais, adoitan ser os máis pobres do planeta. O Fondo Mundial proporciona por si só 63% do financiamiento internacional para a malaria", resaltou Sands.