Pode o carballo de Santa Margarida converterse na Árbore Europea de 2023?

O carballo de Santa Margarida. (Foto: Nós Diario)
Foi a Asociación Cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida quen impulsou a candidatura.

O carballo de Santa Margarida, situado na parroquia de Mourente, en Pontevedra, enfrontarase a outras sete árbores do Estado español co obxectivo de poder participar no certame Árbore Europea do Ano 2023. As votacións para elixir a árbore que participará no concurso, abriranse esta quinta feira, 10 de novembro, e pecharán un mes despois, o vindeiro 10 de decembro.

Foi a Asociación Cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida quen impulsou a candidatura, tras máis de dous anos de traballo, encamiñado a visibilizar e pór en valor o "histórico carballo", como un dos exemplares icónicos do patrimonio natural de Pontevedra e da Galiza.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostíbel e Medio Natural, Iván Pontes, mostrou a súa "absoluta satisfacción tras coñecer que o centenario carballo, símbolo, patrimonio e orgullo de Santa Margarida e de Pontevedra, fose elixido para competir con outros sete árbores para participar no certame Árbore Europea do Ano 2023".

"A pesar de problemas derivados da súa da idade e das recentes podas de emerxencia realizadas para aliviar os problemas de sobrecarga nas ramas, a súa beleza é incalculábel. Trátase dun exemplar absolutamente merecedor deste galardón. Para conseguilo é necesario que, da mesma forma que o Concello de Pontevedra, toda a cidadanía apoie esta candidatura e vote de forma masiva", engadiu Pontes.

Sucesor do Carballo de Conxo

Na edición de 2022 do certame da Árbore Europea do Ano, quedou segundo o carballo de Conxo, situado no bosque no que, en 1856, decorreu o "insólito e polémico" Banquete de Conxo.

"Foi un acto político do Partido Demócrata de defensa dos ideais da revolución francesa que se celebrou nesa carballeira e que tivo que ser disfrazado de banquete para que as autoridades o permitisen", explicou a Nós Diario o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos.

A árbore galega recibiu 168.234 votos, só 11.000 menos que o carballo Dunin de Polonia, con 179.317. A unha distancia maior ficou a Sobreira Grande de Portugal, con 70.563 sufraxios.