Análise

A pobreza de non termos escuridade

Un cartel luminoso na cidade da Coruña. (Foto: Nós Diario)
Análise para 'Nós Diario' de Martin Pawley, divulgador científico e membro da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.

O 1 de agosto o concello de Zaragoza anunciou que rebaixaba 20 minutos o tempo de acendido da iluminación pública, que se suman a outros 20 xa recortados na primavera. A intención expresa é conter o crecente gasto enerxético: segundo di a nota oficial, o consistorio pagou 7,2 millóns de euros pola luz en 2020, 10 millóns en 2021 e poderían chegar a 19 millóns no ano en curso.

Poucas horas despois o goberno do estado presentaba o Real Decreto-lei 14/2022, que inclúe diversas medidas de aforro e eficiencia enerxética e de redución da dependencia do gas natural, froito do complicado contexto internacional que se deriva da invasión de Ucraína por Rusia. Entre os artigos da norma foi obxecto de singular debate o 29.4, que exixe o apagado de escaparates a partir das 22 horas así como a luz de edificios públicos "que se atopen desocupados". A fraqueza do texto, que ademais non inclúe a iluminación ornamental, non fai prever resultados moi notábeis, mais en calquera caso é mellor isto que nada.

Resulta insólito que medidas como estas non estivesen vixentes desde hai décadas

De feito, o que resulta insólito é que medidas coma estas non estiveran vixentes desde hai décadas e que até agora non se contemplase como unha aberración deixar prendidas luces en estancias públicas (aulas, oficinas, despachos) que non están en uso. E o mesmo vale para impoñer un control aos escaparates, contra o cal non vale escudarse na liberdade de cadaquén para tirar os cartos como mellor lle pete, posto que esa iluminación privada interfire coa planificación -suponse que rigorosa- da iluminación pública e crea zonas sobreiluminadas ou descompensacións entre rúas que poden afectar gravemente a seguridade.

Para alén diso, toda a luz artificial contamina. Non "o exceso de luz", senón "toda a luz", o cal non quere dicir que debamos facer desaparecer a luz artificial das nosas vidas, senón entender que, como axente contaminante que é, cómpre manexalo con extrema cautela para iluminar do xeito máis homoxéneo posíbel só as zonas que se precisan, cando se necesita e coa mínima cantidade que permita unha boa visión.

Contaminación luminosa

Non toca hoxe falarmos de contaminación luminosa, do seu gravísimo impacto ambiental, dos seus efectos na saúde e da maneira en que arrasa cun milenario patrimonio inmaterial, cultural e científico. A estas alturas dou por suposto que calquera persoa interesada e, en particular, calquera cargo público que non sexa moi insensato debe estar ao tanto de que esta polución existe e de cales son as súas consecuencias. Debe estalo porque, entre outras cousas, hai mandatos e recomendacións internacionais de alto nivel ao respecto que non deixan lugar á dúbida. Que populares líderes do Estado practiquen a imprudencia temeraria arredor destes e doutros temas non os exime de cumprir as leis presentes nin, máis importante aínda, do deber moral de adiantarse ás normas futuras en favor da protección do noso planeta e os seres que o habitan (incluídas as persoas, mais non unicamente elas).

A seguridade e os farois

Xa escoitamos estes días necidades sobre a "tristeza" e "inseguridade" que provoca o Ministerio, e isto último é particularmente noxento porque, como ben explican as expertas en seguridade con perspectiva de xénero -escoiten, por exemplo, a Anna Almécija-, a seguridade non a producen maxicamente os farois, senón as políticas perspicaces que fomentan a creación de comunidade e un uso saudábel dos espazos comúns. A caverna político-mediática española falará moito de luz e seguridade para darlle paus a Teresa Ribera, mais será apenas un enésimo exercicio de populismo anticientífico.

Cabe desexar que en setembro cheguen medidas máis ambiciosas que impoñan unha redución intelixente da iluminación pública

O real decreto non loita especificamente contra a contaminación luminosa, mais todo o que cae na rede é peixe. E cabe desexar que en setembro cheguen medidas máis ambiciosas que impoñan unha redución intelixente da iluminación pública para que, sen prexudicar o máis mínimo a cidadanía, haxa aforros medíbeis da contaminación. Ou que acouten a aldraxante iluminación ornamental que duns anos para acó tingue de fucsia igrexas e monumentos civís nun atentado non só ambiental senón tamén estético.

Que limiten as malas prácticas da inmensa maioría de concellos galegos, sexa cal for a súa cor política, porque nisto non hai ninguén libre de pecado. Se tal acontece, será unha boa nova para o planeta e para nós. Poderemos redescubrir a paisaxe natural da noite, a do ceo e a da terra, e comprenderemos que, como escribe Manuel Rivas en O que fica fóra, "Pobre, pobre / é non ter / escuridade ningunha".