As poboacións antigas na Galiza estiveron expostas á contaminación por mercurio pola actividade mineira romana

Necrópole de A Lanzada (Turismo Rías Baixas)

Investigadores da USC estudan a presenza deste metal en restos óseos arqueolóxicos a partir da colección de esqueletos da necrópole da Lanzada.

A investigadora da USC Noemi Álvarez Fernández, en colaboración con outros dous membros do grupo EcoPast, Antonio Martínez Cortizas e Olalla López Costas, acaba de analizar o impacto da exposición crónica ao mercurio en poboacións antigas.

O artigo, publicado na revista  Journal  of  Archaeological  Science, avanza entre as súas conclusións que as poboacións romana e  tardoantiga que viviron na Lazanda entre os séculos I e VII  d.C. estiveron expostas de forma crónica a niveis relativamente baixos de contaminación atmosférica por  mercurio, o cal contrastaría con investigacións previas, centradas no estudo de altas concentracións deste metal relacionadas principalmente con ritos de enterramento, tratamentos médicos ou mesmo envelenamento.

“Neste estudo demostramos que a contaminación crónica por mercurio xa era un problema no período romano, como un prezo que tiñan que pagar pola intensa actividade mineira e metalúrxica na Península Ibérica”

O traballo levado a cabo a partir da colección de esqueletos da necrópole da Lanzada permitiu estudar a exposición á contaminación atmosférica por mercurio nun  lapso de tempo ininterrompido de 700 anos que, ademais, abarca dous períodos moi diferentes no que a contaminación atmosférica se refire. Trátase do período romano (s. I – IV  d.C.) e tardoantigo (s. V – VII d.C.), o que lles permitiu observar como afectan os cambios na interacción humano-ambiente nas propias poboacións humanas.

Este traballo profunda en como se transfire o  mercurio ao noso esqueleto utilizando restos arqueolóxicos. A investigación tamén permite entender cal é o alcance poboacional da exposición a metais tóxicos, xa que os nenos e nenas están igualmente afectados que as persoas adultas.

Explotacións mineiras e contaminación atmosférica

Durante o período romano, a Península Ibérica foi a gran mina do imperio, sobre todo no relativo ao mercurio. Cando o imperio romano cae, afúndese tamén con el esta intensa explotación de recursos mineiro-metalúrxicos. As consecuencias deste cambio vense reflectidas nos rexistros ambientais, que mostran niveis de contaminación atmosférica moi diferentes para estes dous períodos. Grazas a esta investigación, constátase a pegada do impacto da explotación intensiva dun recurso natural nas propias poboacións humanas.

Esta pegada que quedou rexistrada nos ósos dos seus habitantes, permite extraer unha lección do impacto que ten a contaminación ambiental sobre a poboación, especialmente cando se fala dun metal cunha toxicidade tan elevada como a do  mercurio.

Ademais, durante a antigüidade, este metal tivo diversos usos culturais; entre eles o seu emprego con fins medicinais ou a utilización do  cinabrio –un mineral de cor vermella brillante, con alto contido en mercurio– en rituais funerarios. 

Prezo a pagar pola intensa actividade mineira

“Neste estudo demostramos que a contaminación crónica por mercurio xa era un problema no período romano, como un prezo que tiñan que pagar pola intensa actividade mineira e metalúrxica na Península Ibérica. Hispania era a mina de Roma e como consecuencia os seus habitantes estaban contaminados por  mercurio mesmo en áreas tan illadas como A Lanzada”, explica Noemi Álvarez.

A contaminación atmosférica ten estado presente ao longo de toda a historia humana. Estudos como o de EcoPast permiten constatar as consecuencias directas que tivo a explotación da contorna sobre o conxunto da poboación a través da contaminación atmosférica, unha contaminación do aire que se foi incrementando considerablemente ao longo dos séculos.