36% da poboación reside en 3% da superficie da Galiza e 37 concellos teñen menos de 1.000 habitantes: a realidade demográfica, en datos

Caen os nacementos, sobe a idade media de natalidade e paternidade. (Foto: Nós Diario)
A Galiza é un dos países máis envellecidos do mundo por mor, sobre todo, dunha baixa natalidade que se traduce nunha constante perda poboacional especialmente en puntos do interior do país.

O conxunto da Galiza fechou 2022 con 2.690.464 habitantes, uns 5.000 menos que o ano anterior, o segundo exercicio consecutivo perdendo poboación após unha leve repunta en 2020 para frear nove anos en caída. Así se desprende dos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a data de 24 de xaneiro de 2023.

No último ano o descenso poboacional foi acusado mesmo nas comarcas con máis habitantes do país, como a de Vigo, que perdeu perto de 1.000 persoas no censo, mentres outras como a de Santiago medraron, rexistrando esta o maior incremento demográfico (+617).

En total, contando Santiago, só 15 das 53 comarcas da Galiza aumentaron a súa poboación en 2022 a respecto de 2021: Betanzos (+432), O Salnés (+179), O Condado (+173), A Coruña (+119), O Baixo Miño (+98), Allariz-Maceda (+73), O Ribeiro (+64), O Carballiño (+29), A Paradanta (+24), O Barbanza (+23), Terra de Celanova (+15), A Ulloa (+9), A Mariña Central (+4) e Terra de Trives (+2).

37 concellos, por baixo do milleiro

Estes últimos rexistros de 2022 deixan un total de 37 concellos galegos cunha poboación inferior ao milleiro de habitantes. O que máis ten é Ourol (A Mariña Occidental), 999, que perderá dous concelleiros após as eleccións municipais de maio tras morrer un veciño no último día do cómputo e baixar dos 1.000.

E con menos de 500 habitantes hai até seis municipios do país: Negueira de Muñiz (228), na Fonsagrada; Beade (372), no Ribeiro; A Teixeira (345), na Terra de Caldelas; Pontedeva (479), na Terra de Celanova; Chandrexa de Queixa (495), na Terra de Trives, e Larouco (440), en Valdeorras.

Porén, no último ano catro destes concellos deixaron visos de recuperación ao gañaren poboación: Negueira (+5), A Teixeira (+9), Chandrexa (+13) e Larouco (+13). No caso deste último, aliás, é o segundo ano consecutivo no que remonta o censo, do mesmo modo que en Negueira de Muñiz, namentres en Chandrexa de Queixa é o terceiro.

Son concellos hoxe minguados pero que en 1981, primeiro ano do que constan rexistros no IGE, vivían unha situación ben distinta, pois catro deles superaban o milleiro de habitantes: Larouco (1.102), Beade (1.204), Chandrexa de Queixa (1.226) e A Teixeira (2.030). Negueira de Muñiz (437) e Pontedeva (868), se ben non chegaban aos 1.000, tiñan tamén máis habitantes que hoxe.

No extremo oposto, as sete cidades concentran 983.206 habitantes. Ou, o que é o mesmo, 36,5% da poboación total do país reside en 3,3% da súa superficie total.

Os nacementos, menos e máis tarde

O IGE vén tamén de ofrecer unha actualización dos seus rexistros de natalidade, que evidencian un novo atraso da idade dos pais e nais: os homes teñen fillos, de media, aos 35,7 anos, namentres no caso das mulleres sucede aos 33,2. Cada nai ten unha media de 1,01 fillos, moi lonxe da cifra que permitiría garantir o relevo xeracional, arredor de 2.

"Os datos que temos din que non é que as mulleres galegas non queiran ter fillos, senón que están sometidas a un proceso brutal de precariedade laboral estrutural", sinalaba recentemente a Nós Diario o doutor en Xeografía da USC Valerià Paül.

En 2022 houbo 14.556 nacementos —236 menos que en 2021, un novo descenso—, por volta de 34.961 falecementos, máis do dobre. Isto, sumado ao crecemento tamén da idade media da cidadanía galega, 48 anos, dificulta unha posíbel repunta do censo galego. De feito, só Xapón ten unha idade media superior á da Galiza (48,2 anos).