A poboación en risco de pobreza ou exclusión social achégase a 700.000 persoas na Galiza

Acción de Lugo Sen Mordazas para visibilizar a pobreza durante o Nadal de 2019 (Foto: LSM)

37.800 máis que en 2019, segundo a Enquisa de Condicións de Vida do INE.

A taxa de risco de pobreza ou exclusión social  Arope (polas súas siglas en inglés, At  Risk  Of Poverty  or social  Exclusion) creouse en 2010 a efectos de medir a pobreza relativa en Europa ampliando o concepto da taxa de risco de pobreza, que só contemplaba os ingresos.

A taxa Arope constrúese coa poboación que se atopa en risco de pobreza, ou con carencias materiais ou con baixa intensidade no emprego.

Un de cada catro galegos está en risco de pobrez ou exclusión social en base a eses criterios Arope. Así o indica a Enquisa de condicións de vida que esta quinta feira, día 15, vén de publicar o Instituco Nacional de Estatística.

Está nesa situación o 25,7% dos habitantes da Galiza: case 700.000 persoas. Son, en concreto, 693.900 persoas en 2020, ano marcado pola pandemia, o que supón 1,4 puntos máis que en 2019 (24,3%), un incremento de 37.800 persoas. Supón a taxa máis elevada en Galiza desde 2015, cando tamén se acadou o 25,7% da poboación, segundo a Enquisa.

A cifra galega está lixeiramente por baixo da media española (26,4%), que tamén crece, no seu caso desde o 25,3% de 2019.

O indicador de risco de pobreza empeora en dous puntos na Galiza, supón o 22% en 2020. Tamén aumentan as persoas con carencia material severa e alcanzan o 5,2% da poboación (3,6% en 2019). Con todo, descende ao 8,5% a taxa de galegos que viven en fogares con baixa intensidade de emprego, fronte ao 11,9% de 2019.

Pola súa banda, o 37,4% dos fogares galegos non pode permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano, mentres o 28,1% non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos.

Así mesmo, o 8,5% realizou atrasos en pagos relacionados coa vivenda ou fixo compras a prazos. E o 6,6% da poboación ten moita dificultade para chegar a fin de mes.