Sanidade pública

Muras, 15 días sen asistencia médica: "Soubémolo polos veciños, o Sergas non deu ningunha explicación"

Protesta da veciñanza de Muras, esta sexta feira, diante do centro de saúde. (Foto: Nós Diario).

O centro de saúde Muras, na comarca da Terra Chá, leva dúas semanas sen asistencia médica. A decisión adoptouse sen que a Xerencia da área sanitaria de Lugo dese ningunha explicación ás autoridades locais. A veciñanza de Muras mobilizouse esta sexta feira para reclamar a volta do servizo nun acto convocado polo Goberno local.

Os recortes sanitarios afectan especialmente as localidades de menor poboación da área sanitaria de Lugo. Se o concello de Ribeira de Piquín, na comarca de Meira, leva sen atención médica desde hai perto de seis meses e o municipio de Negueira de Múñiz, na comarca de Fonsagrada, só conta con este servizo unha mañá na semana desde finais de outubro, os recortes chegan agora a Muras. Neste caso, o concello da Terra Chá carece de persoal facultativo desde o 9 de marzo, o que obriga a veciñanza da localidade a desprazarse ao Punto de Atención Continuado (PAC) de Vilalba para recibir asistencia médica.

O alcalde Muras, Manuel Requeixo, relata a Nós Diario, que “soubemos da falta de médico polos veciños, que nos alertaron da situación, sen que nestas dúas semanas desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) nos desen ningunha explicación”. Nesta liña, o alcalde denuncia “a falta de previsión da Consellaría que sabendo que o médico do centro de saúde ía xubilarse non adoptou as medidas necesarias para garantir a continuidade do servizo, deixando sen asistencia unha poboación como a de Muras, de idade moi elevada e que por conseguinte require máis atención”.

A "50 minutos"

Requeixo denuncia “os graves prexuízos que causa a situación á xente de Muras, que ten que desprazarse ao PAC de Vilalba, un concello que está a 50 minutos dalgúns dos núcleos de noso municipio”. O malestar percíbese entre a veciñanza deste municipio de 600 habitantes, co 40% da poboación por encima de 65 anos, e que esta sexta feira viviu unha nutrida protesta en defensa dos servizos sanitarios. No marco da mesma, Requeixo sinalou que “non podemos permitir a perda dun servizo máis, a Xunta ten que facilitar a vida a todas e todos os que viven no rural e un dos principais servizos é a atención sanitaria”.

Na mobilización participou o deputado do BNG Daniel Castro, quen ao remate da mesma manifestou aos medios que “a situación de Muras non é moi diferente á que están atravesando outros concellos da contorna e de toda a comarca, ben sexa pola falta de médicos ou pediatras, como foron e son os casos do Vicedo, Viveiro, A Pontenova e Riortorto". "Queda patente, unha vez máis, o proceso de desmantelamento da Atención Primaria" na área sanitaria de Lugo, apuntou o nacionalista.

Xubilacións

A situación xerada en Muras pola xubilación do seu médico pode repetirse, a curto prazo, noutros 14 concellos da área sanitaria de Lugo, onde residen 33.000 habitantes. Segundo as cifras achegadas este mes polo Colexio Médico de Lugo, na área sanitaria xubiláronse un total de 89 médicos de familia entre os anos 2020 e 2023, perdéndose nese mesmo período 35 prazas de facultativos de Atención Primaria, que o Sergas non amortiza pero que mantén vacantes.