A poboación maior de 65 anos duplica a menor de 20 en Lugo

Aldea abandonada na Pontenova.

Son 95.872 mulleres e homes maiores de 65 anos para un censo total de 333.511 persoas. A poboación maior de 65 anos duplica de longo a menor de 20 que se sitúa en 44.560, nunha tendencia que é xeral para o conxunto dos concellos da provincia de Lugo, coa excepción de Burela onde as persoas menores de 20 anos superan as maiores de 65 cunha diferenza porcentual dun punto, isto é, 17,57% fronte 16,54%.

Os dados de Lugo, só superados polas comarcas de Ourense para o conxunto galego, evidencian que o avellentamento é un fenómeno ao que non escapan os principais núcleos de poboación da provincia, como a propia capital, onde os maiores de 65 superan aos menores de en tres puntos, Viveiro , cunha diferenza porcentual de 8 puntos, ou Monforte onde os primeiros duplican aos segundos. Aínda así, os dados máis escandalosos obsérvanse nos concellos do rural como Ourol, onde representan máis da metade da poboación, ou na Pobra de Brollón con perto de 47% do total, ou Sober, cunha porcentaxe semellante, ou Ribeira de Piquín con 45%, por exemplificar nas diversas comarcas de Lugo.

 

Unha das variábeis utilizadas pola demografía para analizar este fenómeno é o Índice de Envellecemento que mide o número de persoas maiores de 65 anos por cada 100 menores de 20 anos. Así, para o conxunto da provincia a porcentaxe é dúas persoas maiores de 65 anos por cada mozo menor de 20 anos; porén, isto é unha anomalía cando entramos na casuística e na realidade de cada un dos concellos. No caso de Folgoso do Courel acada os 930, nove maiores de 65 anos por un menor dos 20, en Pedrafita atopamos a mesma porcentaxe, en Navia de Suarna, oito maiores de 65 anos por un menor de 20, e en Ourol, Pantón ou Ribeira de Piquín, sete maiores de 65 anos por un menor de 20. Se collemos os dados destes mesmos concellos hai15 anos, comprobaremos que en Folgoso do Courel existían catro maiores de 65 anos por un menor dos 20, en Pedrafita tres maiores de 65 por un menor de 20, en Ourol 5 maiores de 65 anos por un menor de 20, en Pantón catro maiores de 65 anos por un menor dos 20 e na Ribeira de Piquín, catro maiores de 65 anos por un menor dos 20.

 

Os dados non poden ser máis reveladores, coincidindo en moitos casos, con aqueles concellos de Lugo que nestes últimos 15 anos teñen perdido máis de 20% da poboación, a cuxa cabeza sitúase Monterroso con 29,1%. Neste grupo atópanse localidades como Abadín, A Fonsagrada, A Pobra de Brollón, Baleira,  Cervantes, Folgoso do Caurel, Guntín, Mondoñedo, Muras, Navia de Suarna, As Nogais, O Páramo, Pantón, Paradela Ribas de Sil, A Ribeira de Piquín, Riotorto, Taboada,Trabada ou Xermade. Non debe estrañarnos logo que a taxa de crecemento medio de Lugo sexa negativo ao longo do século XXI, tanto no período 2001-2007, coincidindo cos anos do boom económico, onde rexistou un retroceso de 0,41%, como na última década, na que perdeu 0,63%. Se atendemos aos números absolutos, as localidades que máis habitantes perderon ao longo dos últimos 15 anos, foron por esta orde Palas de Rei, Pobra de Brollón, Abadín, A Fonsagrada, O Saviñao, Navia de Suarna, Cospeito,Taboada, Mondoñedo e Paradela. Nesta liña debemos reparar que Lugo ten 611 núcleos de poboación sen un só veciño, o que representa máis de 40% do total de Galiza, cuxo número ascende 1408.

 

A poboación maior de 65 anos en 1900 situábase en 28.338 persoas hoxe chega ás 95.872  

A perspectiva temporal fornécenos algunha das chaves que permiten comprender estes números e dar resposta á situación presente. Lugo pasou de representar en 1900 2,5% do total da poboación Estatal e o 23,00% do conxunto de Galiza, a cifrar hoxe 0,8% e 12,8%, respectivamente. Ao tempo en 1900 a poboación menor de 15 anos significaba 33,5 % do censo total, isto é, 157.244 persoas, fronte ao 6,6% maior de 65 anos, ou sexa 28.338 mulleres e homes. Un caso semellante acontece coa densidade de poboación, situada por riba da media estatal até 1940, momento no que a poboación da provincia acada o seu pico máis elevado con 545.128 habitantes, para comezar a minguar desde entón e diverxer co conxunto de Galiza. Á volta de 1900 a densidade de poboación situábase en 48,3% para o conxunto da provincia, atopándose á cola nesta magnitude Muras con 21, 2% e Negueira de Múñiz con 23, 8%, a día de hoxe estes dous concellos continúan no mesmo lugar, pero cunha poboación quilometro cadrado de 3 e 5% respectivamente, sendo a media para o total pouco maior de 30%.

 

Lugo perdeu entre 1985 e 2016 arredor de 60.000 persoas, preto dun 20% da poboación

 

Lugo camiña cara á desertización. As causas do mesmo son diversas, pero unidas por un fío de carácter estrutural vinculado directamente ao papel que xoga Galiza no contexto estatal, europeo e internacional. Se a grande sangría de poboación que se inicia na década dos 50 e ten continuidade na do 60 e nos primeiros 70, emparenta co rol que xoga o noso País como fornecedora de man de obra nos procesos de expansión capitalista que se viven en Europa e noutras áreas do Estado Español, o declive demográfica actual arranca após a integración de Galiza na Unión Europea. Así Lugo entre 1950 e 1980 perde arredor de 125.000 persoas, máis de 20% do censo total, perdendo outros 60.000 entre 1985 e 2016, o que significa preto doutro 20%, concentrándose a desfeita naquelas areas do territorio con máis dependencia da actividade agraria e, por conseguinte, máis golpeadas polas políticas comunitarias.