A poboación galega menor de 15 anos reduciuse 40% desde 1990

O avellentamento agrávase na Galiza. (Foto: Arxina)
O rural galego, á cabeza do Estado en avellentamento.

A Galiza é un dos territorios que máis acusa o descenso da poboación infantil no Estado español, segundo un estudo de Funcas realizado a partir de datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). As crianzas entre cero e 14 anos representan 11,4% da poboación total galega, 3,1% menos que a media estatal.

Asturias é a única autonomía que rexistra datos peores, con 10,2%. Todos os territorios anotaron descensos "considerábeis" desde 1990, pero na Galiza esta caída resultou máis intensa. A proporción de poboación menor de 15 anos reduciuse máis de 40% durante as últimas tres décadas.

A área xeográfica que máis experimenta a despoboación infantil é o rural. Así, o país figura coa porcentaxe de poboación infantil máis baixa neste ámbito, de 5,9%, máis dun punto por debaixo das seguintes na lista, Asturias e Castela e León.

Porén, a pesar de presentar no rural a cifra máis baixa do Estado español, a Galiza é das poucas comunidades que experimenta unha tendencia positiva desde 2011, ao aumentar 0,3%.

A diferenza porcentual entre os pequenos e os grandes territorios no país é tamén a máis pronunciada de todos os territorios, xa que no ámbito urbano a taxa localízase en 12,5%, o que contrasta coa porcentaxe de poboacións rurais e intermedias. Nos municipios de entre 2.001 e 10.000 habitantes -os intermedios- o número de menores de 15 anos representa 10% da poboación.

Caída da poboación infantil na Galiza

Aínda que todos os territorios do Estado experimentaran descensos "considerábeis" nesta variábel desde que en 1990 o Estado español asinou e ratificou a Convención dos Dereitos do Neno, nalgúns a caída foi "particularmente acusada". Na Galiza, así como en Canarias e Asturias, a proporción de poboación entre cero e 14 anos reduciuse máis de 40% entre 1989 e 2021.

A persistencia destas diferenzas territoriais permite pensar, segundo Funcas, que "o patrón de desigualdade territorial tenderá a consolidarse" xa que "onde hai máis familias con crianzas desenvolveranse máis os seus servizos (escolas, parques, centros de saúde pediátrica)", mentres que nos lugares con escasa presenza de crianzas "debilitarase ese tecido de servizos e de relacións sociais". Funcas conclúe que "reverter esta tendencia require tempo e investimentos públicos e privados".