A poboación da Galiza aumenta por primeira vez en 10 anos

A poboación da Galiza creceu en 770 habitantes (Foto: Xurxo Díaz).
Esta recuperación débese a que as persoas estranxeiras increméntanse en máis de 11.000 (+11%), a maior suba en todo o Estado.

 

A poboación da Galiza creceu en 770 habitantes no ano 2019, superando así os 2,7 millóns de persoas, no que supón o primeiro aumento de habitantes nunha década.

Así figura nos datos do padrón a data de 1 de xaneiro de 2020 que publica esta terza feira o Instituto Nacional de Estatística (INE), que indica que Galiza conta cun total de 2.700.629 habitantes.

Malia o descenso da natalidade, este aumento da poboación débese a que a Galiza é o territorio do Estado no que máis creceu a poboación estranxeira en 2019 (+11,1%), por encima de Navarra e País Vasco (+9,7% en ambas a dúas).

A poboación estranxeira aumentou en 11.154 persoas respecto a un ano antes, até situarse nun total de 112.022 persoas. As principais nacionalidades rexistradas son Portugal (14.739), Venezuela (12.622), Brasil (9.367), Colombia (8.242) e Romanía (8.057 habitantes).

Aínda así, o peso da poboación estranxeira na Galiza é o segundo máis baixo de todo o Estado, pois supón 4,1%, só por enriba do caso de Estremadura (3,2%). A media estatal é do 11,4%.

A este respecto, o Goberno galego destaca nun comunicado que este incremento "indica que cada vez máis persoas deciden vir vivir a Galiza desde outros países", xa sexa "porque retornan ou ben porque deciden instalarse por primeira vez".

Os principais concellos, os de tamaño medio

Este padrón continuo tamén mostra que entre os 313 municipios galegos, hai 36 concellos de menos de 1.000 habitantes. Os que teñen entre 1.000 e 10.000 habitantes son a maioría, 221. No tramo de 10.000 a 50.000 persoas figuran 49. Os de máis de 50.000 son sete municipios.

De tal forma, a maior parte da poboación, 34%, vive nos municipios de 10.000 a 50.000 habitantes, e 24,1% dos habitantes están nas tres cidades de máis de 100.000 habitantes: Vigo, A Coruña e Ourense.