No 80% dos concellos galegos a idade media da veciñanza é superior á galega: 46,2 anos

A fenda entre o municipio coa idade media máis nova (Ames) e máis vella (Parada de Sil) é de 23 anos.

A idade media galega era, a 1 de xaneiro de 2016, de 46,2 anos. Catro anos máis que a idade media española, o que indica o avellentamento paulatino da nosa poboación (baixa natalidade, emigración, aumento esperanza de vida) a respecto da súa propia contorna. Mais eses 46,2 anos son unha media superada en 247 dos 314 concellos galegos, que superan esa idade.

Se analizamos por comarcas, en 43 das 53 nas que se divide Galiza sobrepásase a idade media de 46,2 anos. As únicas que teñen unha poboación cunha idade media máis nova son Barbanza, A Coruña, Santiago, Baixo Miño, Caldas, O Condado, O Morrazo, Pontevedra, O Salnés e Vigo. Todas elas na franxa atlántica, na parte occidental do país. A fenda obsérvase entre as provincias, con Lugo e Ourense superando os 49 anos de idade emdia mentres que A Coruña está nos 45,9 e Pontevedra 44,3.

As estatísticas do IGE indican que o concello coa veciñanza que ten a idade media máis nova de Galiza está en Ames (30.000 habitantes), localidade próxima a Santiago de Compostela: 38,6 anos. No outro extremo, o municipio de Parada de Sil (600 habitantes), na comarca de Terra de Caldelas, con case 62 anos. Unha fenda entre un e outro de máis de 23 anos, case un cuarto de século.