O pobo cigano, unha historia de discriminación

[Imaxe: Cedida]

O Día Internacional do Pobo Cigano, que se conmemora o 8 de abril, trae á actualidade as problemáticas que enfronta o colectivo no noso país. Abordámolos no semanario Sermos Galiza número 290. Eis un extracto.

A Fundación Secretariado Xitano é unha das maiores entidades que traballa a prol da inclusión da sociedade cigana no Estado español. Este domingo 8 de abril conmemorará o Día Internacional do Pobo Cigano procurando un recoñecemento institucional por parte das Administracións locais –haberá recepcións nas sete cidades galegas– e galega –cun acto no Parlamento–, quen son sinaladas como principais responsábeis para unha integración social óptima deste colectivo.

 

“Cando falamos de exclusión, falamos de procesos multidimensionais e por iso a resposta tamén debe ser multidimensional e dirixida a abordar os diferentes condicionantes que limitan o desenvolvemento social e económico da persoa. Isto é responsabilidade das propias persoas ciganas, da sociedade, e como non, das Administracións, como garantes de dereito de toda a cidadanía”, explica Eva Vera, directora territorial do Secretariado na Galiza e con máis de quince anos de experiencia neste eido. Aínda que desde a aprobación da constitución española no ano 1978 houbo un grande cambio para o pobo cigano –que pasou de ser perseguido pola Lei de vagos e maleantes a ser recoñecidas as súas integrantes como cidadás de pleno dereito–, o certo é que aínda fica un longo camiño por percorrer até a integración.

 

“A meirande parte da comunidade coa que traballamos transmítenos que non é consciente da discriminación que sofren, e mesmo as que si son conscientes teñen un descoñecemento patente dos seus dereitos como cidadás, polo que non acostuman reclamar”, apunta Vera. É por iso que son necesarias, segundo sinalan desde o Secretariado, unhas políticas que favorezan a participación de persoas e grupos, amais dunha protección activa da diversidade de identidades culturais e o recoñecemento do dereito á educación e a unha vivenda e traballo dignos.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 290, á venda na loxa e nos quiosques]