O Pleno de Ordes asumirá por unanimidade as demandas da veciñanza contra o vertedoiro de Lesta

Cartaz contra o vertedoiro de Lesta (Ordes)

A Casa da Cultura de Ordes acollerá na tarde desta cuarta feira unha sesión plenaria de carácter extraordinario -que ten lugar a iniciativa do Grupo Municipal do BNG- na que todos os grupos políticos asumirán unha por unha as demandas dos veciños e veciñas contra o vertedoiro de Lesta.

Sermos Galiza tivo acceso ao escrito da Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Residuos Non Perigosos de Lesta que o Pleno asumirá na súa totalidade. A sesión plenaria terá lugar na tarde da cuarta feira e prevese concorrida dada a repulsa do pobo de Ordes a un novo vertedoiro que se localizaría a escasos 400 metros do da Areosa (de Sogama) e da planta de rexeitamentos cárnicos de Gesuga, ambas as dúas situadas en terreos que pertencen a Cerceda.

No escrito veciñal que aprobarán o PP, o BNG, UXO e o PSOE advírtese de que o novo vertedoiro de residuos de construción e demolición “pode supoñer a centralización definitiva dos vertidos de lixo sen tratamento previo de toda Galiza na comarca de Ordes”. A maiores, alertan dos efectos medioambientais da instalación que “superan con moito os límites do concello ao dar respaldo definitivo a un sistema de recollida de lixo baseado no transporte de longa distancia e ao depósito directo dunha alta porcentaxe de lixo sen tratar”.

En virtude do acordo plenario modificarase o PXOM

Neste contexto, e a instancias da veciñanza de Lesta, o Pleno manifestará “a repulsa á instalación do vertedoiro pretendido por Reciclaje Ambiental Lesta. S.L. por danar os intereses socioeconómicos e medioambientais do concello e da comarca de Ordes”, declararase contrario á “centralización do almacenamento e xestión de residuos de toda Galiza na comarca de Ordes” e marcará unha modificación no PXOM.

Así, previo á aprobación provisional e definitiva do plan, “estabeleceranse como solo rústico de especial protección os terreos precisos para protexer a poboación da ra de San Antón Hyla arborea (agora Hyla molleri), e a totalidade do rego, que nacendo en Fonte do Trigo, alimenta o caudal do Rego de Lesta (afluente do río Lengüelle), que forma parte do hábitat da citada poboación de rás”.

As reclamacións da veciñanza coinciden coa solicitude presentada polo Grupo Municipal do BNG a semana pasada. O portavoz do BNG en Ordes, Pablo Vidal, amósase satisfeito pola asunción por parte de todas as forzas políticas con representación no Pleno das reclamacións dos veciños e veciñas.