Tres plataneiros xigantes, veciños indesexábeis no barrio coruñés dos Mallos 

Veciñas e veciños de San Vicente, baixo o manto dos plátanos que cobren a praza

A veciñanza do barrio dos Mallos na Coruña leva meses mobilizada para que o concello responda cunha poda diante da ameaza e a molestia que xeran tres enormes árbores de “libre crecemento”. As protestas sucédense cada ano desde hai lustros á espera dunha resposta. Polo visto, está mal visto cortar árbores e calquera político foxe da foto cunha serra na man. 

Non hai que buscar moito. A Wikipedia informa de que o plataneiro, a árbore (platanus hispanica), presenta algúns problemas. “As folhas jovens e as sementes libertam pelos curtos que são irritantes quando inalados e provocam alergias e problemas respiratórios a pessoas com asma”, advirte o dicionario na rede. E engade: “outro problema é a acumulação de folhas no outono; por serem resistentes, podem demorar mais de um ano a decompor-se se não forem limpas. As raízes podem causar problemas nas edificações e nos pisos das ruas e passeios”.

 

Os veciños da praza de San Vicente, no barrio dos Mallos, na Coruña viven baixo tres xigantes plataneiros que foron plantados a comezos dos anos setenta no pequeno espazo triangular da confluencia da rúa Cabanillas coa rúa San Vicente. E quéixanse, levan lustros facendo, de que as árbores son unha molestia cada vez menos soportábel.  En María Pita ninguén lles fixo caso.

 

“Unha vez veu por aquí Losada [Javier Losada, alcalde socialista entre 2006 e 2011] e díxonos que estas árbores estaban ben porque axudaban a depurar o ambiente”, conta unha veciña, Fe, que traballa nunha inmobiliaria a pé da praza e en tres minutos reúne a media ducia de veciñas e veciños. “Aquí estamos todos polo mesmo, xa non sabemos que máis facer, con quen máis falar, estamos fartas, ninguén nos escoita”.

 

Os plataneiros son árbores de libre crecemento e na praza de San Vicente hai tres, miden máis de 25 metros de altura, por riba dun sétimo piso. As copas en primavera teñen máis de 15 metros de diámetro e cobren toda a praza, mesmo as rúas e parte das beirarrúas. Agora, en setembro, o manto de ramas grosas que ceden ao peso das follas dóbrase sobre o teito dos coches. A praza fica nunha penumbra a maior parte das horas de luz. Hai anos que a sombra dos plataneiros deixou de ser agradábel, o demais sempre foron problemas, máis grandes a medida que as árbores medraban, salvaxes.

 

Carme ten unha tenda de roupa na rúa Cabanillas, a escasos cen metros da praza. “Hai épocas do ano que cando sopra o vento de abaixo”, explica, “os froitos, uns grans, ou o pole enchen todo pola rúa arriba, e temos que estar todo o día a limpar”. “Nós botamos todo o día a espirrar, non sei se é por isto”, di Aurora, desde a fiestra da sala de estar da súa casa, un segundo piso, no que leva 45 anos vivindo e vendo crecer as árbores, as ramas case se tocan . “Antes este era un piso moi luminoso, con tres habitacións cara á praza. Agora xa ve, é mediodía e por pouco inda temos que prender a luz”. 

 

En marzo pasado houbo unha manifestación, un cento de persoas, viñeron os fotógrafos, as xornalistas, a denuncia estivo un par de días nos medios e esqueceuse. “Pasa sempre”, explica José Salgado, da asociación de comerciantes, “protestamos, mandan aos técnicos, din que non se poda e chega a primavera e isto empeza a medrar e logo o inverno e os problemas”. Este ano acompañaron a queixa na rúa co rexistro de case mil sinaturas recollidas sen ter que separarse moito da praza. 

 

Carlos, barbeiro, que abriu o negocio en 1970 e viu plantar as árbores, e viunas medrar, con podas, funcionais ao principio porque comezaban a dar sombra no verán, resume a cuestión: “Parece que está mal visto dicer que se corte unha árbore, pero nin sequera estamos pedindo iso, só que as poden e que rebaixen a altura, cando menos até un primeiro ou un segundo piso”.

 

Da concellaría de Medio Ambiente non hai noticias desde maio. Despois da protesta mandaron os técnicos, fixeron analíticas ás árbores e concluíron que gozaban de boa saúde. Respecto da necesidade dunha poda, “tras realizar unha inspección ocular, emitiron un informe conforme non atoparon ningunha rama que revestise incidencia algunha”, explicou daquela o departamento de Medio Ambiente. Mais esta semana o concello non foi quen de actualizar aquela valoración a respecto da demanda das veciñas e veciños de San Vicente. 

 

“Non pode ser bo para a saúde”

 

No mapa de arborado municipal, en todo o barrio e arredores non hai exemplares destas dimensións fóra do parque de Santa Margarida, e alí, nos temporais dos últimos féchanse zonas e mesmo se cortaron árbores polo perigo que representaban para os peóns. Os plataneiros da praza de San Vicente medran salvaxes protexidos entre edificios dos anos setenta e gobernan o espazo diante da desidia das autoridades. “Até que pase algo moi grave”, apunta Carlos que lembra un par de accidentes na rúa, “unha rama que bateu na cabeza dunha muller e comezou a sangrar, e outra señora, que esvarou polas follas e rompeu unha perna”. Dúas rapazas dunha tenda de doces da praza e o propietario dunha cafetería na rúa Cabanillas súmanse ao grupo de veciñas para mostrar a súa frustración. “Isto é un problema desde hai dez ou doce anos e ninguén fixo nada. As veces parece que neva en primavera, outros días tes o chan amarelo, despois caen as follas e as rúas parecen pistas de patinaxe, terían que estar a varrer todo o día e non darían feito, estas árbores xigantes soltan lixo todo o tempo, iso non pode ser bo para a saúde”.

 

“Unha vez”, conta Fe, a da inmobiliaria, “puxeron un valado, apareceu moita xente en roupa de faena, sería no 2012 ou no 2013. Eu pensei que por fin… pero que va… cortaron as gallas un pouco por abaixo e recolleron rápido”. “Esa debeu ser a última vez que fixeron algo”, di Salgado, “nós preguntamos á xente que sabe disto e o que nos dixeron e que os plataneiros pódense podar moito e sen problema, que rebrotan sen dificultade”. 

 

Os plataneiros máis altos e grosos da cidade están nunha praza triangular de non máis de setecentos metros cadrados, os perímetros das copas, segundo os rexistros municipais de hai tres anos, sumaban case seiscentos metros. En calquera outro espazo, parque ou estrada ampla, o risco para os peóns ou a circulación de vehículos aconsellaría algo máis do que “podas selectivas”, “que é o que nos ofrecen sempre desde o concello”, protesta a veciñanza. O libre crecemento, nun entorno urbano denso, converteuse nun crecemento moi agresivo. “Vivimos nunha praza salvaxe e trátannos como salvaxes”, láiase Carme baixo os plataneiros, uns veciños indesexábeis.