A plataforma 'Vida e Ría ou Minaría?' denunciará a resolución de Augas da Galiza en San Fins

Concentración en Noia contra a resolución de Augas da Galiza (Foto: Nós Diario).
Unha concentración da Plataforma 'Vida e Ría ou Minaría' agardaba a participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto en Noia. No seu lugar viaxou o portavoz popular Pedro Puy que tivo que escoitar os apupos da veciñanza decidida a denunciar a resolución de Augas da Galiza que permitiría realizar vertidos nunha zona sensíbel, a pouca distancia dos bancos marisqueiros da ría de Muros-Noia.

A Plataforma 'Vida e Ría ou Minaría?' realizou este sábado unha multitudinaria concentración da veciñanza de Noia para recriminar ao goberno da Xunta da Galiza a recente autorización de vertidos á mina de San Fins (denominada San Finx pola empresa que a xestiona).

O lugar escollido era diante do Coliseo Noela, aproveitando o anuncio de que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, tiña que clausurar unhas xornadas. Ao final quen viaxou até Noia foi o portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Pedro Puy.

Segundo os colectivos que forman a Plataforma, o baleirado dos pozos da mina producirá “unhas drenaxes ácidas que porán en grave perigo a pesca e marisqueo na ría”.

“A Plataforma conta con dez días para presentar alegacións”, explican a Nós Diario desde esta organización colectiva, “mais pensamos que a proposta de resolución é un acto ilegal e está cheo de falsidades”, engade.

Por este motivo anuncian que denunciarán estes feitos diante a Xustiza “por falsidade en documento público, polo que é un tema penal”, aseguran.

Apoio do BNG comarcal

O BNG comarcal emitiu un comunicado e participou na concentración acompañado da deputada Rosana Pérez ademais dos portavoces municipais e militancia de toda a ría.

“O desastre medioambiental, económico e social que suporía a contaminación da ría con estas verteduras sen un exhaustivo proceso de depuración leva a chamar á mobilización social para que a Xunta recapacite na súa autorización”, aseguran desde a formación nacionalista.

“O desastre medioambiental, económico e social que suporía a contaminación da ría con estas verteduras sen un exhaustivo proceso de depuración leva a chamar á mobilización social para que a Xunta recapacite na súa autorización”. sinalan.

Denuncias ecoloxistas

Ecoloxistas en Acción tamén expresou a súa indignación polo que considera “ilegalidade proposta de resolución que ven de emitir Augas da Galiza para autorizar os vertidos da mina de San Fins”, unha actividade situada a apenas sete quilómetros augas arriba dos bancos marisqueiros da ría de Muros-Noia e do espazo da Rede Natura 2000 do Esteiro do Tambre.

Segundo a organización, a autorización de vertido busca apenas “garantir a escapatoria do Grupo Sacyr, que a finais de decembro pasado asinou un acordo entregando a mina a unha empresa australiana, Biscay Minerals, desprovista de fondos e que non ten ningunha outra mina ou proxecto en todo o planeta”.

O acordo estaba condicionado a que a Xunta outorgara á mina a autorización de vertido, “pois do contrario sería Sacyr quen terá que asumir os custos de restaurar e clausurar definitivamente a explotación”, indican.