A Plataforma Ulloa Viva convoca a primeira manifestación contra o proxecto de Altri: será o 26 de maio en Palas de Rei

Rolda de prensa conxunta da PDRA e Ulloa Viva (Foto: Nós Diario).
O colectivo mantivo encontros cos distintos grupos parlamentarios galegos, aos que entregou un documento respecto do impacto ambiental, social e económico do proxecto de Altri.

A Plataforma Ulloa Viva anuncia a convocatoria dunha manifestación en Palas de Rei contra a macrocelulosa que Altri quere instalar "no corazón da Galiza". Despois de rematar o período de alegacións á exposición pública do proxecto o pasado 17 de abril, a voceira Marta Gontá agradeceu o feito de ter presentado "o número de alegacións maior a un proxecto na historia da Galiza".

Tras esta contestación social a Plataforma Ulloa Viva vén de convocar a que será a primeira manifestación en contra do proxecto de Altri, que terá lugar o vindeiro 26 de maio en Palas de Rei (A Ulloa).

A Plataforma Ulloa Viva asistiu esta terza feira no Parlamento da Galiza ao debate dunha interpelación do deputado do BNG Luís Bará á conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá, sobre o proxecto de Altri de instalar unha macrocelulosa en Palas de Rei.

Marta Gontá, Zeltia Laya e Mónica Cea aproveitaron a invitación do BNG a esta sesión plenaria do Pazo do Hórreo para manter encontros cos distintos grupos parlamentarios galegos e entregarlles un documento respecto do impacto ambiental, social e económico do proxecto de Altri.

Reunións no Parlamento

No BNG foi a voceira nacional, Ana Pontón, xunto con Olalla Rodil, as que mantiveron a reunión coa Plataforma Ulloa Viva. Desde o BNG destacaron no encontro o seu apoio ás reivindicacións da Plataforma, e puxeron sobre a mesa distintas iniciativas que van levar a cabo na Galiza e en Madrid a respecto do proxecto desta celulosa.

A deputada socialista Patricia Igrexas recibiu ás tres voceiras de Ulloa Viva en nome do Grupo Parlamentario do PSdeG. No encontro coa plataforma, o grupo socialista asegurou que o partido está "moi vixiante" sobre o proxecto da celulosa de Altri en Palas, e insistiron ademais en que, sobre a concesión dos fondos do Perte da descarbonización a Altri, que hai moitos outros proxectos desbotados por factores medioambientais negativos.

Tamén o PP deu resposta á petición de Ulloa Viva, e finalmente a deputada Cristina Sanz e o deputado Gonzalo Trenor quen mantiveron un encontro coa Plataforma. Nesta reunión, o grupo popular asegurou que exixirán que o proxecto cumpra con toda a lexislación e indicaron que serán os técnicos da Xunta da Galiza os que decidirán ao respecto.

A rolda de contactos rematou co deputado do Grupo Mixto, Armando Oxea, membro de Democracia Ourensá, que recoñeceu coñecer o proxecto desde hai moito tempo e amosou a súa posición contraria ao respecto. De feito, Oxea explicou ás voceiras da plataforma que mesmo visitou a zona afectada e asegurou que calquera iniciativa ao respecto no Parlamento galego vai contar co voto en contra do Grupo Mixto.

Despois de escoitar no Parlamento galego á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, a respecto do proxecto de Altri, a Plataforma Ulloa Viva fica "moi preocupada" ao ter sinalado esta que "nin os meus técnicos son capaces de examinar un proxecto coma este con 8.500 páxinas".

Ulloa Viva considera estas palabras de Lourenzá supoñen “un menosprezo e pór en dúbida a capacidade de técnicos da administración pública que son os que teñen que velar polo cumprimento da legalidade dun proxecto que se quere implantar na Galiza". Segundo explicou Marta Gontá, a conselleira "dinos que esteamos tranquilos, que o proxecto ten que cumprir a legalidade, e ao mesmo tempo dinos que os técnicos non son quen de examinalo todo".