A Plataforma da Mariña pedirá apoios en Cervo para a ILP de SOS Sanidade Pública

A a Plataforma Sanitaria da Mariña pedindo apoios esta semana pasada nos concellos de Trabada e Lourenzá (Foto: Nós Diario).
O municipio de Cervo será a seguinte parada da Plataforma Sanitaria da Mariña na súa iniciativa de pedir apoios para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que impulsa SOS Sanidade Pública.

A Plataforma Sanitaria da Mariña seguirá pedindo sinaturas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de medidas urxentes que demandan para a Atención Primaria. A través dun comunicado anunciaron que se desprazarán o 18 de outubro, terza feira, até o consultorio de Cervo en horario de 11 até as 13 horas.

A ILP está promovida por SOS Sanidade Pública, colectivo no que está integrada a Plataforma Sanitaria da Mariña, e recolle medidas que consideran “tan importantes como garantir a presencialidade e calidade na atención, mellorar as condicións e dotar axeitadamente de persoal os centros de saúde, incorporar novas categorías e incrementar o xa existente ou rematar coas esperas en Atención Primaria”, entre outras.

Desde este colectivo sanitario animan á veciñanza de Cervo para que  se achegue até este dispositivo “e apoiar coa súa sinatura esta iniciativa que tenta recuperar e reflotar a Atención Primaria”.

Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma, cre que o servizo a sanidade pública “nestes momentos camiña cara á deriva polas política de recortes e desprestixio que o goberno da Xunta  leva practicando desde hai trece anos”.

Recollida en Trabada e Lourenzá

A Plataforma Sanitaria da Mariña cualificou de "éxito" a recollida de sinaturas da semana pasada nos concellos de Trabada e Lourenzá. O colectivo desprazou o seu dispositivo móbil a estas localidades para que as veciñas e veciños apoiaran coa súa sinatura a ILP.

Desde o colectivo sinalan tamén a gran indignación que se está a vivir no concello de Lourenzá pola ausencia continuada do pediatra que comparte con Mondoñedo e Barreiros, desde que a anterior facultativa concursara nun traslado. As familias exixen que se repoña ao pediatra compartido para recuperar este servizo.

Falta de pediatras

A inicios de outubro, a Plataforma Sanitaria da Mariña denunciaba que o centro de saúde de Burela contaba cunha única pediatra para atender arredor de 1.500 crianzas.

Ademais, segundo este colectivo, algunhas familias trasladaron queixas sobre a falta de pediatras que tamén está a afectar os municipios de Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo.