A Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña reunirase coa Fiscalía

[Imaxe Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña]

Insta o Ministerio Público a investigar os abortos sen asistencia na rede sanitaria pública e os deslocamentos a clínicas privadas madrileñas.

Con motivo do 28 de maio, Día de acción global polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña vén de solicitar unha xuntanza coa Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e de lle remitir a información recompilada ao longo dos últimos anos desde o Centro de Orientación Familiar (COF) e a imprensa.

Convocarán unha concentración diante do TSXG o día en que representantes da plataforma sexan recibidas pola Fiscalía

A razón, instar o Ministerio Fiscal a investigar os abortos sen asistencia durante o segundo trimestre de xestación mais tamén o deslocamento das mulleres a clínicas privadas madrileñas e a redución "case á metade" da axuda que lles proporciona o Sergas para cubrir os gastos de desprazamento. 

"Denunciamos que na rede sanitaria pública galega non se garante unha atención integral ás mulleres que interrompen o seu embarazo, xa que este dereito segue a ser subordinado a criterios ideolóxicos como o da obxección de conciencia, obrigando ás mulleres que deciden abortar por causas euxenésicas a facelo en moitos casos sen asistencia profesionalizada na mesma sala de ingreso, ou ben, sendo derivadas a clínicas privadas Madrid, por mor desa obxeción, sen que tan sequera poidan dispoñer dunha compensación de custes de desprazamento, dado que a Xunta de Galiza recortou case á metade a axuda. Uns cartos que teñen que adiantar as mulleres e costealos por elas mesmas", sinalan. 

A Plataforma ofrecerá á Fiscalía a posibilidade de entrevistar persoalmente a algunhas das mulleres que tiveron que abortar sen asistencia profesional

Fontes consultadas por Sermos Galiza sinalan que na documentación achegada á Fiscalía tamén ofrecen a posibilidade de desenvolver entrevistas personalizadas ás mulleres que como Leticia tivo que afontrar o parto do seu fillo morto soa, no servizo dunha habitación do Arquitecto Marcide de Ferrol, de pé e sobre unha cuña para ouriñar. 

Neste senso, a Fiscalía da Coruña rexeitara investigar os casos denunciados na imprensa como solicitaba o Defensor do Paciente argüíndo que a redacción dos feitos non tiña "encaixe legal en precepto penal". 

Centros de Orientación Familiar

Para alén disto e con motivo do 28 de maio, a Plataforma lembra a situación que atinxe as mulleres da área sanitaria da Coruña a respeito do dereito á atención e protección da saúde sexual e reprodutiva. No concreto, a respeito dos dous Centros de Planeamento Familiar que, lembran, "sempre foron insuficientes" para unha poboación que abrangue "152 mil mulleres en idade fértil" de acordo cos criterios fixados pola OMS e a Federación Internacional de Planificación Familiar. Aliás, sinalan, "estes centros nunca foron accesíbeis xa que están moi lonxe dos núcleos de poboación comprendidos na súa área (até 100 quilómetros de distancia)". 

Esta situación agravouse no ano 2013 coa supresión das prazas "de xinecoloxía e auxiliar clínica" no COF do Ventorrillo o que orbiga as mulleres desta zona a se deslocaren até o centro de Bairamar para recibir esta atención. "Esiximos pois que se cubra, de xeito urxente, a praza de Xinecoloxía e a de auxiliar de enfermaría no Centro de Planeamento Familiar do Ventorrillo, e así recuperar as prestacións anticonceptivas e xinecolóxicas as que temos dereito as mulleres", sinalan.