A Plataforma Galiza pola Paz clama en Santiago "contra a guerra" e pola desescalada militar
Ducias de persoas concentráronse este sábado en Compostela para clamar "contra a guerra, contra o imperialismo e contra os que fan da morte o seu negocio".
Coincidindo coa celebración do Días das Forzas Armadas, e convocada pola Plataforma Galiza pola Paz, a concentración comezou pasadas as 12.30 horas na praza Roxa da capital galega, onde se leu un manifesto "para deixar claro que o único camiño é o da paz".
"Levamos meses recibindo mensaxes alarmistas e asistindo a unha política constante e consistente para instalar a opinión pública no medo e para predisponerla favorabelemente aos anuncios de obscenos aumentos do gasto militar por parte dos gobernos occidentais, incluído o español", denunciaron durante a lectura do manifesto.
Así mesmo, unha das portavoces da plataforma fixo fincapé en que "o que pretenden é que a sociedade asuma a lóxica da guerra en detrimento de o necesario investimento nuns servizos públicos degradados.
Entre cánticos como "Desescalada militar!"; "Soberanía si, imperialismo non"; "Gastos militares para sanidade"; "OTAN non, nin guerras nin agresión"; "Pola paz na Terra, nin OTAN nin guerra", as persoas manifestantes demandaron a paralización inmediata do gasto militar, así como a saída do Estado español da OTAN.
Ademais, aproveitaron para reclamar tamén que Galiza "teña o dereito para decidir libremente o seu papel no mundo, sen imposicións externas nin obrigacións cómplices co imperialismo".