A Plataforma Galega contra a OTAN protestou contra o cumio da Alianza

Numerosas persoas rexeitaron esta cuarta feira o cumio da OTAN en Madrid. (Foto: Nós Diario)
A mobilización contra o cumio da OTAN en Madrid tivo lugar diante da Delegación do Goberno do Estado español na cidade da Coruña.

A Plataforma Galega contra a OTAN, composta por máis de 30 asociacións da Galiza, realizou unha concentración diante da Delegación do Goberno do Estado español na cidade da Coruña contra comeza a cimeira da Alianza Atlántica que tivo comezo esta cuarta feira.

Un cumio "onde se reúnen os países que fan parte da alianza imperialista para trazar planos e estratexias ao servizo da hexemonía estadounidense", afirmaron representantes da plataforma durante a concentración.

Na concentración sinalouse ao Estado español, anfitrión do cumio, "como peza submisa" e afirmouse que este está "absolutamente pregado ao que desde os Estados Unidos de América (EUA) se indique". 

Como mostra desta argumentación, a plataforma apuntou  ao recente "cambio na súa política exterior a respecto do Sáhara" por parte do Estado español, ou como dentro do contexto da propia cimeira se anunciou "o aumento da presenza militar" dos EUA neste Estado.

Así, denunciaron que a cimeira da OTAN que decorre esta semana "é un chanzo máis na escada imperialista e colonizadora" por parte da Alianza Atlántica. Ademais, xunto á cimeira, rexeitaron "a existencia mesma da OTAN, así como todas as actuacións que leva a cabo no seu afán por controlar o mundo para a súa maior explotación".

Reafirmación do manifesto fundacional

A Plataforma Galega contra a OTAN reafirmouse no seu manifesto fundacional, que afirma que "hai 73 anos que a propoganda imperialista trataba de nos convencer de que o obxectivo da nacente OTAN era 'defender occidente' da Unión Soviética e do bloque comunista" duns "ataques e agresións que se invocaban" mais que "nunca se produciron".

Hoxe, prosegue o manifesto, "lonxe de se autodisolver, aquela pretendida forza de autodefensa, responsábel por 70% do gasto militar global e cun orzamento de máis de 2% do PIB mundial, continúa a protagonizar unha das maiores xeiras de violencia da historia da humanidade".