A Plataforma galega en defensa do ensino público reclámalle a Jesús Vázquez que non aplique a LOMCE

[Imaxe: PGDEP]

Aseguran no escrito remitido ao conselleiro de Educación que a implantación da nova lei xerará "repercusións negativas" na calidade do ensino e na formación do alumnado. 

 

Esta cuarta feira representantes da Plataforma galega en defensa do ensino público rexistraron na Xunta de Galiza un escrito á atención do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, para lle solicitaren que "non se impoña" a LOMCE en Galiza. Asemade, quixeron transmitirlle a súa "preocupación" polas "repercusións" que a nova norma carrexará tanto para a calidade do ensino como para a formación do alumnado. 

Desde a Plataforma sinalan que a implantación dos novos libros de texto, froito da aprobación dos novos currículos escolares, suporá máis un "incremento do gasto" para as familias nun intre en que "moitas", din, atravesan "serias limitacións económicas". Así mesmo, acrecentan, a plataforma sumouse ás demandas da Confederación de Anpas e demanda a re-instauración da gratuidade nos libros de texto de educación infantil, primaria e ESO en aras de garantiren o acceso ao material escolar de todas as crianzas. 

Garantir a Educación artística en todos os centros

Asemade, desde a Plataforma galega en defensa do ensino público reiteraron o seu rexeitamento aos contidos formativos que introducirán os novos currículos escolares e que, entre outras cuestións, incorpora ao currículo a materia de relixión e outras como Iniciación á actividade emprendedora e empresarial. Materia, esta última, que tildan de "inadecuada". 

En troca, a Plataforma demanda o mantemento de Educación artística en todos os centros á fin de garantiren a formación académica das crianzas nesta materia que, din, é "necesaria para que poida realizar no futuro a elección máis atinada no ensino  post-obrigatoria". 

Denuncian a "falta de democracia na xestión dos centros educativos"

A respeito doutras mudanzas que introducirá a LOMCE, desde a Plataforma galega en defensa do ensino público trasladan ao conselleiro de Educación a súa "preocupación" pola "falta de democracia na xestións dos centros educativos" que carrexará a nova norma. pois, segundo apuntan, o Consello Escolar --órgano que representa a toda a comunidade educativa-- "deixará de ser un órgao de goberno e de decisión na elección da dirección do centro" para pasar a tomar parte nunha Comisión seleccionadora na que a Administración "se reserva para si máis do 50% da representación", denuncian. 

Desde a Plataforma en defensa do ensino público instan o conselleiro a non aplicar no vindeiro curso o conxunto de medidas que compoñen a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa pois, sinalan, sería unha "imprudencia" e "desconsideración" para coa comunidade educativa que por vez primeira rexeitou de maneira conxunta a aprobación desta lei.