A Plataforma galega en defensa do ensino público insta as forzas políticas a derrogar a LOMCE

[Imaxe CIG]

Dirixironse aos grupos con representación no Congreso através dun escrito presentado no rexistro do Parlamento. 

Esta cuarta feira (30 de marzo) representantes da Plataforma galega en defensa do ensino público remitiron un escrito ás forzas políticas con representación no Congreso español para as instar a paralizar e derrogar a LOMCE por ser “extremadamente lesiva para o ensino público”, dixo o voceiro da Plataforma, Anxo Louzao. 

A Plataforma asegura non comprender como aínda non foi paralizada a lei existindo unha maioría de forzas que se opoñen a ela no Congreso

Neste senso, sinalan que o escrito foi dirixido transcorridos dous meses desde a constitución do Congreso e perante a existencia dmaioría de representantes de distintas forzas políticas que manifestaron, durante a campaña electoral, que unha das primeiras medidas que ían adoptar sería paralizar e derrogar a LOMCE, explicaron. 

“Para nós non hai xustificación para que a LOMCE a esta altura non estea como mínimo paralizada, previa a súa derrogación”, defendeu Anxo Louzao. 

Chaman as familias a boicotear a reválida en secto de Primaria

Desde a Plataforma sinalan o "desatino" e "absoluto despropósito" que supón a súa implantación nos centros de ensino. Destarte e con motivo da aplicación das reválidas, instan as familias do estudantado a non levalas ese día a aulas. O pasado ano esta proba foi desenvolvida no terceiro curso de Primaria e, este ano, aplicarase en sexto como "prólogo", din, das que cribarán o alumnado na ESO e Bacharelato. 

Así, Louzao lembrou que o boicote ás reválidas o pasado ano “tivo unha resposta moi satisfactoria, na medida en que máis do 50% do alumnado de terceiro de Primaria non realizou estas probas en Galiza”.