A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público cifra en máis de 80% o boicot ás reválidas

A Plataforma parabeniza as familias que fixeron un esforzo de conciliación e non enviaron aos fillos a estas probas.

Por cuarto ano consecutivo o rexeitamento á Lomce e en concreto ás reválidas incluídas nesta lei tivo un seguimento moi amplo, con cifras segundo a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público superiores a 80% de absentismo nestas probas que se iniciaban esta cuarta feira en todos os centros de Galiza para o alumnado de 3º de Primaria. “Galiza segue sendo, polo tanto, o territorio do Estado máis combativo con esta norma por parte da comunidade educativa”.

 

Coincidindo co inicio destas probas, membros da PGDEP, concentráronse diante do Parlamento para esixir a derrogación definitiva da LOMCE e a creación dunha Lei Galega de Educación. Durante a mesma, Fernando Lacazzi, vicepresidente de ANPAS galegas, a maioritaria na comunidade, salientou o enorme esforzo feito polas familias “que tiveron que organizarse para poder conciliar e non enviar os seus fillos e fillas aos centros”. Explicou que este rexeitamento “cara unhas probas, que o único que introducen é un nivel de estrés entre o alumnado, é totalmente maioritario entre as familias que presionaron para que non teñan ningún valor académico como se pretendía nun primeiro momento desde o Ministerio”.

 

Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, parabenizou o profesorado polo seu papel fronte á “campaña de desinformación” da Consellaría de Educación “que pasou neste último ano de pretender amedrentar as familias que boicoteaban as reválidas a restarlle importancia ás probas”.