A Plataforma Galega cifra en 80% o seguimento ao boicot á reválida en 3º de Primaria

Exame reválida

Houbo centros de ensino en que ningún alumno acudiu a esta proba, informan, ao tempo que agradecen ás familias o compromiso e esforzo para, máis unha vez, rexeitar a Lomce. 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público cifra en 80% as familias que decidiron non enviar os seus fillos e fillas esta terza feira, 30 de maio, á reválida de 3º de Primaria. “Incluso houbo centros nos que non foi ningún alumnado”, emgaden ao tempo que parabenizan e agradecen ás familias “o esforzo realizado para volver a evidenciar a súa oposición á LOMCE”..

A Plataforma lembra que estas porcentaxes son moi similares ás que se deron nas reválidas de  6º Primaria e de 4º da ESO a semana pasada, e superan as do ano pasado. “Agardamos que á vista dos datos a Consellaría de Educación non continúe coa mentira e acepte que estas aprobas o único que diagnostican, de maneira democrática e contundente, é a oposición das familias, da comunidade educativa e da sociedade no conxunto a que se siga aplicando a LOMCE”, explica Anxo Louzao, en nome da Plataforma Galega.

Para a Plataforma Galega, “se houbera unha mínima vontade de ter en conta a opinión da comunidade escolar no Pacto pola Educación”, paralizaríanse estas probas, derrogaríase a LOMCE e a partir de aí abriríase un debate para consensuar o futuro dunha Lei Galega de Educación.