25-N

Feministas chaman a denunciar os "silencios cómplices" da violencia machista

Rolda de prensa da Plataforma Feminista de Lugo, hoxe. (Foto: Europa Press)
"Lembremos o caso da nena de Baleira que estivo desde os 7 aos 13 anos violada pola súa familia nun pobo. Como é posíbel que se cubrise con silencios cómplices tal barbaridade?", cuestionan desde a Plataforma Feminista de Lugo.

A Plataforma Feminista de Lugo anunciou esta sexta feira a convocatoria dunha "gran manifestación" o sábado ás 20 horas para denunciar todos os tipos de "silencios cómplices" da violencia machista no marco do 25-N, o Día Internacional para a eliminación da violencia machista. A marcha, que partirá desde o edificio da Delegación Provincial da Xunta da Galiza en Lugo, concluirá na Praza de Santa María e contará coa lectura dun manifesto por parte da cineasta e escritora Margarita Ledo e con "referencias moi claras" a Cristina Cabo Buján, a muller asasinada en Lugo o ano pasado vítima de violencia machista.

"O de Cristina é un buraco enorme que aínda temos no corazón e para o que non ten explicación nin palabras. Esperamos que a asistencia á manifestación sexa máxima, non só por Cristina senón por todas as mulleres lucenses asasinadas", manifestou ao respecto, na presentación dos actos vinculados ao 25-N, a portavoz da Plataforma, Ana Torrón.

Baixo o lema 'Xuntas rompendo os silencios cómplices', a plataforma lucense pretende pór o foco este ano "na lacra do silencio" que rodea a violencia de xénero. "En Lugo temos moitos casos. Lembremos o caso da nena de Baleira que estivo desde os 7 aos 13 anos violada pola súa familia nun pobo. Como é posíbel que se cubrise con silencios cómplices tal barbaridade?", preguntouse en voz alta Torrón, que fixo tamén un chamamento a combater os "silencios institucionais" e "todos os tipos de silencios".

As "cifras insoportábeis"

"Van 97 mulleres asasinadas en España este ano, das cales só 54 son tratadas como violencia de xénero", sinalaron desde a Plataforma Feminista, para acto seguido subliñar que nos últimos 20 anos "47 nenos e nenas foron asasinadas por violencia vicaria" na provincia de Lugo. "Son cifras insoportábeis, que seguen medrando. Non podemos permitir que nos anestesien porque non son só cifras", profundaron.

No marco da comunicación dos actos programados para o 25-N, a plataforma fixo tamén un chamamento a "non revitimizar" as mulleres que sofren violencia e lembrou que "as mulleres vítimas de violencia non teñen que poñer unha denuncia para recibir axuda, aínda que as obriguen a facelo".