A Plataforma Feminista de Lugo convoca unha manifestación contra a sentenza do caso de Baleira

Concentración en Baleira contra a sentenza (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A portavoz da plataforma, Ana Torrón, animou a toda a cidadanía a "manifestarse para exixir que haxa cambios dunha vez no sistema xudicial".

A Plataforma Feminista de Lugo convocou unha manifestación para a vindeira quinta feira 2 de febreiro, a partir das 20 horas, ante a Audiencia Provincial de Lugo tras a sentenza de abusos sexuais en Baleira na cal recolle o pacto alcanzado pola Fiscalía e os condenados por abusos sexuais continuados a unha menor cando tiña entre 7 e 13 anos polo que se lles rebaixa a pena.

O fallo xudicial transcendeu en días pasados e esta segunda feira deuse a coñecer, despois de que a Audiencia Provincial de Lugo asinase a sentenza. Nela, recóllese a redución de condena a tres anos de cárcere polo pacto entre o Ministerio Público e os acusados e alégase "dilacións" non imputábeis aos procesados, así como resarcimento á vítima, por pagarlle 50.000 euros de indemnización.

Os tres detidos son a irmá maior da vítima, que conseguiu convencer a irmá das relacións sexuais cando tiña 7 ou 8 anos co irmán do seu marido, é dicir, o irmán do cuñado da vítima.

Tamén violou á menor o seu propio cuñado (marido da irmá da vítima), que a deixou embarazada (xa estivo embarazada por primeira vez con 11 anos) dun bebé ao que deu a luz con 13 anos e que tivo que dar en adopción.

A portavoz da plataforma, Ana Torrón, animou a toda a cidadanía a "manifestarse para exixir que haxa cambios dunha vez no sistema xudicial".

"Non pode ser que os axentes xudiciais, avogados ou xuíces non teñan unha formación específica en materia de xénero", protestou.

A activista aludiu á necesidade de que a xustiza "teña máis sensibilidade, que haxa medios para que poidan facer as cousas como hai que facelas neste tipo de situacións". Segundo consta no fallo xudicial, a irmá da vítima "insistiu até chegar a convencela" de que tivese relacións co seu cuñado.

"Unha animalada"

Ana Torrón cualificou o feito como "unha animalada". "Todo o que se lle fixo a esa nena durante sete anos e onde todo o mundo mirou para outro sitio", lamentou.

"É incríbel que ninguén vise os depredadores e o que estaba a pasar. Esa nena ía a un colexio, ía a actividades, tiña pediatra", recriminou.

Tamén clamou contra as "dilacións indebidas", que propiciaría o acordo de conformidade, de forma que o fiscal pasou de pedir 11 anos a tres.

Ana Torrón constatou que en "87% dos casos" de abusos a menores "sempre é un familiar; o pai, un irmán, un tío ou un cuñado", debulla.

A feminista advertiu de que a esta menor de Baleira "roubáronlle a vida estes desgraciados, deixárona embarazada, a un bebé chegárono a dar en adopción". "A esta nena non hai nada no mundo que a resarza do que lle quitaron", concluíu.

A Plataforma Feminista acudirá á manifestación do 2 de febreiro cunha pancarta onde se poderá ler 'Contra a xustiza patriarcal', fronte á Audiencia Provincial de Lugo.