A Plataforma do Sar ve erros ambientais no proxecto da nova depuradora para Compostela

Troitas mortas no Sar por mor da depuradora

A Plataforma en Defensa do Río Sar detecta "eivas vinculadas ao patrimonio cultural e natural" no anteproxecto da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Souto, en Santiago de Compostela, e reclama prospeccións arqueolóxicas "máis exhaustivas" que determinen a viabilidade desta localización.
 

A escolla deste emprazamento para a depuradora provén dos tempos do alcalde Xerardo Conde Roa (PP), após unha sentenza xudicial que impide a localización dunha nova depuradora na Silvouta. Porén, o lugar elixido conforma "unha paisaxe con significación histórica, cultural e arqueolóxica", explican dende a Plataforma en Defensa do Río Sar.

 

Quer o estudo quer a declaración de impacto ambiental do proxecto para a nova EDAR do Souto "teñen vicios no procedemento que non poden senón significar a súa nulidade, estas deficiencias deberían ser corrixidas con carácter de urxencia e así aforrar posteriores procesos xudiciais". Así o advertiron nun documento que se debateu no último Consello Municipal de Medio Ambiente, de acordo a un informe do Consello Superior de Investigación Científica (CSIC).

 

Boa parte do percorrido do Sar está declarado como Rede Natura. Para a plataforma, "é unha burla á propia lexislación ambiental a situación de contaminación, que se prolonga ano tras ano sen que as nosas autoridades tomen a serio a súa regularización".

 

Na actual depuradora da Silvouta entra 70% máis da capacidade de augas residuais que pode tratar. Deste xeito, a falta de depuración de residuos líquidos na actual instalación provocou que o Tribunal de Xustiza da UE aplicase un apercibimento de sanción ao Estado español pola falta de depuración de augas residuais urbanas vertidas en varias cidades, entre elas Santiago de Compostela. Considera a Comisión Europea que as augas fecais mal filtradas da depuradora da Silvouta son "un risco grave para a saúde e o medio ambiente".

 

Na actualidade, a depuradora verte concentracións moi altas de amonio, fosfatos e sulfatos, o que provoca a desaparición de animais no tramo seguinte do Sar. Aliás, o Ministerio de Medio Ambiente tiña comprometido intervir "en toda a deteriorada rede de saneamento de Compostela, de xeito que se poidan evitar as verteduras incontroladas aos dous principais leitos fluviais da cidade, o río Sar e o Sarela”.

 

Este departamento recoñece que ambas as bacías fluviais contan cunha rede con amplas deficiencias, en que existen tramas "de moi escasa capacidade hidráulica" e "moi mal estado de conservación", ao presentaren problemas de funcionamento en días chuviosos e en períodos de seca.

 

Pola súa parte, a directora de Acuaes, Arancha Vallejo, sinalou que o prazo para a construción da nova depuradora do Souto será entre 2022 e 2023, cando expiran os fondos comunitarios destinados a esta obra, valorada en máis de 60 millóns de euros. Vallejo explicou que "cando menos se necesitan cinco anos para que o proxecto poida saír adiante". A fase de construción dura, como mínimo tres anos, advertiu.

 

 

 

Verteduras dun colector. Foto: Plataforma de Defensa do Río Sar

Verteduras da depuradora da Silvouta. Foto: BNG

Plano do emprazamento do Souto. Fonte: Plataforma en Defensa do Río Sar