Entrevista coa Fiscalía

A Plataforma en Defensa do Aborto da Coruña pide responsabilidades penais polos abortos sen garantías

Concentración diante da Audiencia Provincial

Coincidindo co Día de acción global por un aborto legal, seguro e gratuíto, a Plataforma da Coruña polo Dereito ao Aborto e a Marcha Mundial das Mulleres denunciaron de viva voz perante a Fiscalía os abortos sen garantías na área sanitaria da Coruña.

Activistas da Plataforma en Dereito ao Aborto da Coruña e da Marcha Mundial das Mulleres concentráronse no mediodía da cuarta feira no exterior da Audiencia Provincial para reivindicar o respeito aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. Fixérono coincidindo coa entrevista á que as convocara a Fiscalía após denunciaren os abortos sen garantías e a atención deficitaria de quen aborta no segundo trimestre de xestación na área sanitaria a Coruña.

En conversa con Sermos Galiza, Marga Corral, a activista que asistiu á citación da Fiscalía, explícanos que “recolleron toda a información que lles ofrecemos á maiores do escrito que presentaramos no mes de maio, un escrito polo cal a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza arquivou as dilixencias e decidiu derivalas ás fiscalías da Coruña, Lugo e Ferrol, por estaren estas demarcacións afectadas polos abortos sen asistencia”.

Trátase de abortos que se dan por malformacións graves dos fetos ou cando poden derivarse consecuencias negativas para a saúde da nai

“Volvemos relatar os feitos e demos conta das persoas que denunciaron que tiveron que abortar soas, mediante a expulsión dos fetos, sen asistencia ningunha e sen epidural, nos cuartos dos hospitais”, sinala Corral. Lembra que estas interrupcións dos embarazos se realizan “dentro dos supostos que recolle a lei, é dicir, cando hai malformacións graves dos fetos ou cando poden derivarse consecuencias negativas para a saúde da nai”.

A activista da plataforma fai fincapé na dureza da situación: unha muller embarazada de máis de 12 semanas ten que decidir se aborta ou non porque o bebé nacerá con malformacións ou porque a súa vida corre perigo. “Se decide interromper o embarazo, os protocolos da área sanitaria da Coruña levan a que se provoque o parto do feto morto a través de medicamentos. Todo isto sen epidural e sen asistencia de ningún tipo. Ao provocarte o expulsivo e empezan as contraccións, a dilatación sucede máis rápido e en ocasións o aborto ten lugar no baño do cuarto do hospital, coas mulleres soas e sen ningún tipo de analxesia”, denuncia.

Reivindicacións da plataforma

Na reunión da mañá da cuarta feira, Marga Corral transmitiulle á Fiscalía as reivindicacións da plataforma: “Queremos que se respecten os dereitos das mulleres que abortan e que sexan atendidas como as mulleres que paren fetos vivos. Queremos que estes abortos se fagan nun quirófano con persoal especializado e coas garantías dun parto normal, que é o que recomendan todos os protocolos de carácter internacional. E así llo fixemos saber á Fiscalía da Coruña”, relata.

Na área sanitaria da Coruña “obrigan a parir” as mulleres que teñen que abortar, “co trauma psicolóxico que se deriva disto, pois hai que ter en conta que se trata de embarazos desexados”

A activista lamenta que fronte a outros casos, na área sanitaria da Coruña “obrigan a parir” as mulleres que teñen que abortar, “co trauma psicolóxico que se deriva disto, pois hai que ter en conta que se trata de embarazos desexados”. Estas prácticas distan das que teñen lugar en hospitais en que as interrupcións teñen lugar a través da aspiración do feto e con analxesia, “sédaste e non te decatas”.

Abortos en Madrid

Marga Corral: "En 24h, dinche que o bebé nacerá cunha malformación ou que a túa vida corre perigo e tes que decidir se abortas ou non. Se decides abortar, tes que saír inmediatamente para Madrid"

O aborto por aspiración é o que se practica nas clínicas privadas de Madrid ás que derivan ás pacientes da área sanitaria da Coruña que teñen que interromper o embarazo no segundo trimestre de xestación. "É un caso máis da falta de cumprimento dos dereitos das mulleres, que nin sequeran poden abortar aquí e son todas elas derivadas a Madrid", lamenta. "Hai que poñerse na pel destas mulleres: en cuestión de 24h, o médico ou médica diche que o teu bebé nacerá cunha grave malformación ou que a túa vida corre perigo e tes que decidir se abortas ou non. Se decides abortar, tes que saír inmediatamente para Madrid para ás 9h estar na clínica onde se interrompe o embarazo", expón. "E todo isto coas súas consecuencias laborais e económicas, pois o Sergas non paga os custos da persoa acompañante e o pouco que lle devolve á paciente apenas lle dá para o combustíbel", engade.

Marga Corral, que alude á falta de regulación da obxección de conciencia e á falta da aplicación da lei actual, pon de manifesto que a plataforma vai seguir o curso legal da investigación por parte da Fiscalía, “recolleremos máis testemuños para chegar até o final porque buscamos que se deriven consecuencias penais e que os responsábeis paguen pola vulneración dos dereitos das mulleres”. “É terríbel que isto aconteza en pleno século XX”, mantén.