O "exceso de combustíbel" no monte pola abundancia de eucaliptos e piñeiros, "caldo de cultivo" do incendio de Moaña

O incendio de Moaña obrigou a decretar a alerta por proximidade ás vivendas. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo advirte que o monocultivo de especies pirófilas, xunto á falta de silvicultura e de roza das faixas de defensa contra o fogo, propiciou o avance das chamas.

A abundancia de eucaliptos e piñeiros que, segundo a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, ocupan máis de 80% do terreo natural na comarca, e aos que suma a presenza de acacia, xunto coa grande altura da matogueira, foron factores que contribuíron á gravidade do incendio desta semana en Moaña. "É o problema de sempre, o exceso de combustíbel de especies pirófilas", afirmou o portavoz deste colectivo, Cándido Martínez.

"Houbo conatos no Morrazo durante o verán, mais este foi o peor", engadiu, en alusión á vintena de hectáreas calcinadas. "Pero puido haber desgrazas", advertiu Martínez sobre as consecuencias dun lume que obrigou a decretar o nivel 2 de emerxencia debido á proximidade ás vivendas, malia que finalmente "non ardeu ningunha casa nin houbo feridos".

Alén da "polvoreira" na que se converteron os montes do Morrazo e ante unha seca que "se prevé duradeira", Cándido Martínez criticou non só a "mala planificación" forestal, senón tamén a nivel urbanístico, co arboredo "enriba das casas".

"Menos mal que non pasou á parte superior do corredor do Morrazo", precisou o portavoz da plataforma, rememorando un devastador incendio forestal que, en 2006, comezou no municipio veciño de Vilaboa e alcanzou as parroquias moañesas de Meira e Domaio.

A esta cadea de circunstancias engádese que "non hai silvicultura, nin clareo nas plantacións e a rede de faixas de defensa contra incendios está sen rozar", avisou Cándido Martínez. Todo isto, máis o "monocultivo" de pirófilas, formou un "caldo de cultivo" propicio para o lume.

Martínez destacou que agora o labor das brigadas terrestres resulta fundamental para apagar os incendios, previamente "aplacados" polos medios aéreos.

A base de "regar" a superficie afectada evitaríase un novo gromo das chamas a través dos residuos que se aloxan na "densa capa de follaxe" de piñeiros e eucaliptos acumulada no terreo, e das pedras e tocóns, que "gardan a calor".