A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei saca as cores a Feijóo

Castelo de Monterrei

Afirman que foi dicir o presidente da Xunta que “o castelo é máis público agora que antes” para en apenas 6 días comezar as restricións ao acceso público e visitas.

A comezos de agosto Núñez Feijóo asistiu en Monterrei á inauguración dun hotel de 4 estrelas ubicado no castelo,xoia do patrimonio galego. O presidente da Xunta afirmou entón, fronte aos movementos e colectivos que pedían un uso público e cultural dese ben, que o castelo ía ser máis público “agora que antes”. Mais a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei afirma nun comunicado que seis días despois de que o Presidente da Xunta fixese tales afirmacións en  Monterrei empezouse a restrinxir o acceso ao mesmo.

“Só os luns e martes terán un horario de visitas axeitado,  do mércores en diante, incluíndo os fins de semana que é cando máis afluencia de visitantes ten a Fortaleza, o carácter publico do Castelo quedará reducido a tres horas e media por día, coincidindo ademais este horario coas horas de saídas e chegadas dos clientes do Parador.”, manifesta este colectivo. “ O que demostra o desdén que teñen tanto a Xunta como Paradores cos turistas hospedados noutros establecementos e cos veciños da zona que so poderán visitar o monumento cando non molesten aos clientes do hotel”, engaden.

Dende a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei afirman que manterán a súa reivindicación do uso público.