A Plataforma en Defensa da Sanidade da Mariña mostra o seu apoio á folga na Atención Primaria
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña trasladou esta segunda feira publicamente o seu apoio á folga en Atención Primaria convocada polo persoal sanitario contra a xestión da Consellaría de Sanidade, "que fragmenta o nivel básico e esencial da asistencia sanitaria, que conduce a una merma na atención á cidadanía". Desde a Plataforma consideraron que o modelo sanitario da Xunta "afonda na desigualdade entre o persoal facultativo ao promover a normalización de dúas categorías de médicos na atención primaria".
Desde o colectivo alertaron de que a xestión sanitaria no país "redunda no incremento da conflitividade", debido a que a ausencia de facultativos obriga ao persoal sanitario a realizar gardas nos PAC a maiores da actividade laboral que teñen que desenvolver nos centros de saúde. Criticaron que o modelo da consellaría, implantado na pandemia de xeito provisional, "agrava as graves eivas nas que está a derivar a Atención Primaria".
Aliás, manifestaron o seu rexeitamento á contratación "sen a formación axeitada e polas vías habilitadas legalmente para acceder á especialidade de Medicina de familia e Comunitaria, pondo en risco a saúde das persoas".
Desde o colectivo chamaron ao persoal sanitario de Atención Primaria a secundar a folga "para parar as pretensións da Consellaría de Sanidade e do Goberno da Xunta de atentar contra o corazón da asistencia sanitaria pública".