A Plataforma-2018 chama a se manifestar contra a decisión "caciquil" da prórroga a Elnosa

Acto de presentación da Plataforma 2018

A mobilización foi convocada para o vindeiro sábado 23 de novembro por máis dunha trintena de colectivos que conforma a Plataforma-2018.

 

En comparecencia de imprensa a voceira da Plataforma-2018, Antía Mariño, fixo un chamamento público á cidadanía para se mobilizaren contra a decisión "caciquil" da Xunta de Galiza de prorrogar a permanencia de Elnosa en Lourizán máis tres anos.

De acordo co pacto asinado entre o conselleiro de Medio ambiente, Agustín Hernández, e o director delegado da propietaria de Elnosa --a portuguesa CUF-- o goberno galego contradí a decisión que adoptou en 2010 e autoriza o mantemento da cloreira na ría de Pontevedra para alén de 2014. 

A manifestación foi convocada para o 23 de novembro contra a decisión "caciquil" da prórroga a Elnosa

Desde a Plataforma-2018 coidan que este acordo "non é máis que o primeiro paso para decretar a consolidación definitiva" da factoría de cloro. Pois, cumpre lembrar que o executivo español aprobou unha nova Lei de Costas coa que se reserva a última palabra --previo informe da Xunta-- na autorización de novas concesións á industria. Neste senso, Ence-Elnosa podería ficar no seu emprazamento actual por volta de 75 anos máis. 

De ser así, alertan desde a Plataforma impediríase definitivamente "o saneamento e a recuperación" da ría "para a explotación da pesca de baixura e marisqueo" o que convertería "o dano á calidade de vida e á economía da comarca" en "irreversíbel", indicou Antía Mariño.

Así pois, a Platataforma-2018 convocou unha manifestación o vindeiro sábado 23 de novembro ás 19.30 horas con saída da praza da Ferraría e para esta fin de semana (16 de novembro) un acto simbólico de rexeitamento ao monocultivo de eucalipto.