Unha plantación de eucaliptos dana gravemente un castro en Montoxo, Alfoz

(Foto: Mariña Patrimonio)

Adega e Mariña Patrimonio afirman que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural está outorgando permisos de intervención “a sabendas de que no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galiza existen erros, tanto na xeolocalización como na delimitación de moitos xacementos”.

Máis un novo caso de danos que a industria forestal ligada ao eucalipto ocasionan no patrimonio galego. Adega e Mariña Patrimonio veñen de denunciar perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural  Os “posíbeis danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do Castro da Croa de Montoxo, en Alfoz, na comarca da Mariña, durante a realización de traballos forestais de corta e replantación de eucaliptos”.

Nun comunicado, ambas as dúas organizacións, sinalan que na visita ao castro comprobaron que se abriran no Castro de Montoxo novas pistas para o paso da maquinaria e a saca da madeira, “afectando gravemente os parapetos e os foxos defensivos en varios puntos”.

Así mesmo, proseguen, “nos parapetos, nos foxos e máis na croa do castro realizáronse centos de furados con pa mecánica para a plantación de novos eucaliptos. En moitos destes furados pódense apreciar pedras das antigas construcións do castro así como numerosos restos cerámicos de olaría da Idade do Ferro”.

As asociacións denunciantes sinalan tamén que na zona máis elevada do xacemento “chama poderosamente a atención a gran cantidade de fragmentos de tella medieval que aparece nos furados abertos pola pa mecánica”.

Adega e Mariña Patrimonio consideran que do acontecido “é responsábel directa a propia administración pública”. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural,denuncian, está outorgando permisos de intervención a sabendas de que no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galiza existen erros, tanto na xeolocalización como na delimitación de moitos xacementos.

“En concreto, o Castro de Montoxo, catalogado e protexido, aparece situado nun lugar equivocado nos visores de consulta pública de aproveitamentos forestais e do Plan Básico Autonómico”.

Adega e Mariña Patrimonio fixeron varias denuncias públicas en 2020 ao detectar erros de localización e delimitación de xacementos, especialmente en toda a metade norte de Lugo, na revisión e actualización do Catálogo de Patrimonio Cultural que fixo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nos anos 2018 e 2019, e que se pode consultar  nos visores do Plan Básico Autonómico e no de Aproveitamentos Forestais.