Cinco lugares únicos que visitar na Galiza no mes de xullo

A Praza Maior é un dos lugares máis característicos de Ourense (Foto: Turismo de Ourense).

Colles as vacacións e aínda non sabes que facer da túa vida? Ofrecémosche cinco opcións para as que non necesitarás saír fóra do país

Colles as vacacións e aínda non sabes que facer da túa vida? Ofrecémosche cinco opcións para as que non necesitarás saír fóra do país.

Ría de Aldán, esa gran descoñecida

Galiza conta con infinitos lugares que visitar, mais algúns quedan un pouco “por debaixo do radar”, a pesar dos seus innegábeis encantos. É o caso da Ría de Aldán, un lugar case paradisíaco con praias con bandeira azul, unha gastronomía de primeira orde na que brillan as ostras e o marisco, e opcións para practicar numerosas actividades ao aire libre como buceo, sendeirismo ou rutas en bicicleta, todo iso no marco dunha contorna natural e unha paisaxe inesquecíbel para as visitantes.

Pontevedra, moito que ver e que facer 

A cidade de Pontevedra é outro deses destinos que non adoita ser dos primeiros que se barallan á hora de tramar unha viaxe, pero que á hora da verdade nunca decepcionan. A razón están nas enormes posiblidades que oferta, como un dos centros históricos máis fermosos e mellor conservados do país, unha oferta cultural máis que rica e outros recunchos interesantes alén do centro histórico, como o antigo barrio pesqueiro da Moureira.

A Coruña, destino urbano

A cidade da Coruña está ben comunicada do resto do país a través de autobús e de tren, polo que nin sequera será necesario que collas o coche. Unha vez alí, as opcións multiplícanse. A Torre de Hércules –monumento Patrimonio da Humanidade- e a súa contorna son o recurso turístico máis visitado, aínda que as súas praias urbanas –Riazor, Orzán, Matadoiro...- e os parques de Bens, San Pedro ou Santa Margarida tamén se atopan entre os lugares máis populares da cidade. Outros plans máis céntricos son o paseo pola Cidade Vella e a praza de María Pita, tomar un xeado polo Parrote ou gozar dos viños e da gastronomía polas rúas Galera, Barrera ou Franxa.

Ourense, seguro de sol

Ourense constitúe unha excepcionalidade dentro da tónica xeral do clima galego, o que a converte nunha opción inmellorábel para aquelas viaxeiras que busquen sol e altas temperaturas, pois en xullo é máis que frecuente é mesmo en 2013, en plena vaga de calor, alcanzou os 45 graos cunha sensación térmica de 51. Sobran as palabras.

Por iso, nada mellor que refrescarse nas súas tradicionais termas e, lonxe das horas centrais do día, pasear polas súas históricas e frescas rúas de pedra para rematar tomando un refrixerio nalgunha das súas características tabernas e bares.

A Mariña, o espectáculo da natureza 

Cunha popularidade crecente, o seu clima pode non ter garantido o sol, como no caso de ourense, mais compensa coas súas praias paradisíacas, rutas de natureza sen igual e paisaxes únicos, como As Catedrais ou O Fuciño do Porco. Todo iso sen esquecer as múltiples vilas costeiras e de interior que a caracterizan, destacando a antiga capital do reino da Galiza, Mondoñedo, Viveiro (cualificada como Conxunto Histórico-artístico) e Ribadeo, cun casco histórico declarado Ben de Interese Cultural.