Mariano Carrero Moure: "O plan de saúde mental é errático e o acceso aos recursos, desigual"

Mariano Carrero Moure, psicólogo clínico. (Foto: Nós Diario).
A Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas (APCS) fecha o mes de xullo facendo balance do primeiro ano de implantación do Plan Galego de Saúde Mental aprobado pola Xunta na recta final da anterior lexislatura. 'Nós Diario' entrevista a Mariano Carrero Moure, vicepresidente da entidade, para coñecer os detalles da súa posta en marcha. 

-Que balance fai do primeiro ano do Plan de Saúde Mental da Galiza Poscovid 2020-2024?

O que vimos observando nestes meses é arbitrariedade na implementación e falta de planificación. As decisións veñen dadas, e chegan a nós sen consulta previa, cando se trata de accións e intervencións de atención psicolóxica que nos correspondería a nós programar e desenvolver. Hai moi pouca reflexión e moita improvisación. É todo moi errático. E vese nos diferentes ritmos de contratación, que afectan de distinta maneira a unhas áreas e a outras, mais tamén na aplicación dos  programas a desenvolver.

Moitas das incorporacións que se fixeron foron destinadas directamente a reducir listas de espera ou a visitar distintas unidades e centros de saúde en días alternos, sen criterio, convertidas nunha especie de apagalumes, a maior parte das veces en servizos de saúde mental absolutamente saturados. As esperas chegan a alcanzar os nove meses, algunhas revisións, dous, para unha sesión de 15 ou 20 minutos. Esta sobrecarga, ademais de non permitir tratamentos psicolóxicos de calidade tamén contribúe ao desgaste do persoal, que ve como programas específicos, como o de prevención do suicidio, se emprega nuns casos como unha sorte de vía rápida cara as unidades de saúde mental mentres noutras áreas se está a dotar dos profesionais  adecuados.

-O incremento do número de especialistas en Psicoloxía Clínica previsto no plan é suficiente para atender a demanda real e as necesidades das persoas usuarias?

Galiza acumula un atraso histórico en materia de saúde mental, en particular en dotación de recursos e de psicólogos clínicos dentro do sistema de saúde mental. A parálise afianzouse na última década. En 10 anos apenas se realizaron contratacións. Polo tanto partiamos dunha situación tremendamente precaria. O Plan de Saúde Mental da Galiza, que xa estaba pensado antes da pandemia, reformulouse tras a aparición da Covid. Contempla a contratación de máis de 40 psicólogos clínicos, dos cales, xa se incorporaron perto da metade. 

Malia representar un avance indubidábel, seguimos estando moi por debaixo dos estándares mínimos de calidade e de acceso da poboación á psicoloxía clínica. A media europea é de 18 psicólogos clínicos por 100.000 habitantes. En España esa media é moi inferior, e na Galiza, máis. Non chegamos aos catro, un número totalmente insuficiente. E as contratacións non abondan. Son un avance pero non compensan o atraso que supón que a saúde mental estivese sempre á cola do sistema público de saúde.

-A ineficacia e a lixeireza que denuncian ten que ver tamén, din, cunha falta de autonomía crónica. 

É un problema que arrastramos de vello. Os psicólogos clínicos somos especialistas con todo o recoñecemento e condicións iguais a respecto doutros facultativos especialistas, pero a efectos prácticos acusamos unha dependencia funcional e estrutural dos servizos de Psiquiatría dos hospitais públicos. Os postos de xefatura de sección, de servizo ou coordinación están vetados de maneira incomprensíbel para os psicólogos clínicos. Esta posición xerárquica representa un obstáculo para o noso traballo e, sobre todo, para poder levar a cabo intervencións adecuadas, interdisciplinares e eficientes. Neste sentido urxe unha estrutura organizativa propia que coordine de maneira eficaz os profesionais da Psicoloxía Clínica co fin de facilitar a busca de programas de intervención como teñen o resto de especialidades.

Ademais, os psicólogos clínicos non só atendemos trastornos mentais. Cada vez máis reclaman a nosa atención desde outros ámbitos: reprodución asistida, morte perinatal, coidados paliativos, psicooncoloxía, unidade da dor, persoas trans, lesionados medulares, atención temperá, rehabilitación neuropsicolóxica. A demanda é maior, por iso temos que poder chegar de maneira máis transversal ás necesidades de atención psicolóxica da poboación.

-A pandemia contribuíu a mudar esas necesidades e a incrementar a demanda?

Si, un bo exemplo témolo no ámbito da saúde mental infanto-xuvenil. A Covid está a aumentar o número de casos e a demanda de atención. En xeral, o confinamento adiou as consultas, mais agora estase a ver unha suba da intensidade dos problemas. Autolesións, trastornos da conduta alimentaria e trastornos ansioso-depresivos cunha clínica máis aguda.

Mais o acceso aos recursos de saúde mental é desigual. Case sempre se concentran en núcleos urbanos e zonas próximas aos hospitais, deixando sen opcións as persoas do rural e tamén as que atravesan maior precariedade, onde as dificultades adoitan ser superiores.