O plan de reforzo do persoal do Sergas, escaso e ingrato fronte a precariedade

Persoal sanitario traballa protexido en unidades de coidados intensivos (Eduardo Sanz / Europa Press).
Sanidade aprobou o plan de continxencia en materia de recursos humanos co apoio de CCOO, Satse e CSIF e os votos en contra de CIG e UXT, críticos coa falta de vontade e cohesión de cara a estabilidade laboral.

A Consellaría de Sanidade aprobou o plan de continxencia en materia de recursos humanos deseñado para reforzar o cadro de persoal dos sistema público de saúde durante a pandemia co apoio de tres dos cinco sindicatos que participaron na mesa sectorial. 

A proposta da Administración galega, ampliada tras recoller algunhas das alegacións presentadas polos representantes  dos traballadores, contou coa conformidade de CCOO, Satse e CSIF, e co desacordo da CIG, sindicato maioritario no sector, e UXT. Ambas as dúas organizacións entenden que o plan recolle medidas insuficientes, que ademais de romper a cohesión do sistema tamén se distancia do estabelecido no pacto de contratación do Sergas.

"Desde antes do verán a CIG vén reclamando a negociación dun plan de estabilidade que teña en conta as necesidades reais de contratación de persoal a partir da experiencia nas distintas áreas sanitarias durante a primeira vaga da pandemia", explica a Nós Diario María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, mais a proposta aprobada, salienta, formulouse sen considerar informes de situación malia considerar "a medias" a demanda de estabilidade do seu sindicato: contratos fixos para todas as categorías até o final do estado de alarma. 

Contratos de seis meses

"O plan recolle máis de 700 contratos para enfermaría, que non sabemos se son suficientes porque se descoñecen as necesidades dos centros, e de 400 contratos para o resto de categorías, que, para nós, son manifestamente insuficientes". Neste sentido, detalla Abuín, "falamos de 153 contratos para técnicos en coidados auxiliares de enfermaría para todas as xerencias; de 33 para persoal de servizos xerais para reforzar os sistemas administrativos coa Atención Primaria desbordada; de só 10 contratos para enfermaría especializada ou de 85 para celadores". 

A mesa sectorial do Sergas non pode ser o resultado de negociar os titulares de prensa de Feixoo

Desde a CIG botan en falta que o plan non identifique as necesidades de todas as categorías , sen diferenciación, para proceder a unha contratación estábel. E a maiores, rexeitan a puntuación adicional anunciada polo Sergas para o persoal de enfermaría dispoñíbel durante a pandemia nas listas de contratación. "Entendemos que o plan de continxencia debe recoñecer a todo o colectivo profesional a través da estabilidade laboral", a firma maría Xosé Abuín, quen critica que a proposta do Sergas persevere en algo levan anos denunciando: "a suspensión de chamamentos non pode ser penalizada, mais nun sector altamente feminizado onde a precariedade e as necesidades de conciliación conducen a interrupcións lexítimas dos chamamentos". Na práctica, indica, parece que para obter esta puntuación engadida, o persoal ten que renunciar a dereitos recollidos pola lei".

Permiso de tres días

Doutra banda, o sindicato cuestiona que Sanidade levase á mesa sectorial o permiso acordado dun máximo de tres días para quen faga atención continuada a pacientes con coronavirus, con equipos de protección completos, tamén de forma continuada, en plantas Covid, unidades de críticos, urxencias, primaria, covid-auto ou 061. Un permiso que ademais de prestarse a distintas interpretacións, din, non recoñece o esforzo de todos os colectivos profesionais. "A mesa sectorial do Sergas non pode ser o resultado de negociar os titulares de prensa de Feixoo", asevera Abuín.

Puntuación adicional para os procesos selectivos

Tanto para CCOO como para Satse, a incorporación ao plan de continxencia dos permisos por "sobrecarga" e a modificación das condicións da puntuación adicional promovida pola Xunta para premiar a dispoñibilidade do persoal eventual de enfermaría durante a pandemia foron chave para brindar o seu apoio á proposta final. 
Unha "posta en escena que censuran desde UXT. "Máis que unha negociación parecía unha obra de teatro", comenta a este xornal Javier Martínez, responsábel de Sanidade do sindicato, quen xustifica o seu distanciamento do documento pactado. "Nós sempre defendemos que non se podían facer distincións entre as categorías deficitarias e as que non o son. Se se trata de xerar igualdade, sin discriminacións, para un ordenamento dos recursos máis eficiente, non se poden estabelecer diferenzas nin asignar aguinaldos a uns e a outros nada".

Martínez fai fincapé na puntuación adicional. "Foi o colofón". O anuncio por parte do presidente da Xunta, advirte,  xerou tensión por parte dos profesionais "que sen coñecer as regras do xogo, descobren, de súpeto, que se asignará unha puntuación extra con carácter retroactivo a quen permaneceu activo nas listas de contratacións". Agora, no canto de computar por un período único, como propoñían inicialmente, a puntuación extra fraccionarase por meses para non penalizar a quen por algún motivo lexítimo deixou de estar dispoñíbel. Con todo, aseguran desde UXT, trátase "dunha medida inxusta que rompe a cohesión do sistema".

A este hándicap, tanto UXT como a CIG engaden o compromiso de Núñez Feixoo de premiar a prestación de servizos durante a Covid cunha puntuación adicional específica de cara a OPE, máis aló dos baremos xa coñecidos e aínda por determinar. Outro elemento, sinalan que "distorsiona" e "rompe" o pacto de contratación, lonxe xun recoñecemento real do esforzo profesional que pasa por rematar coa precariedade.

Un plan insuficiente e necesitado de maior planificación

"Os recortes dos últimos anos foron tan importantes e limitaron tanto a capacidade de funcionamento da Atención Primaria mais de algúns servizos hospitalarios que o plan de continxencia non é suficiente para encher o baleiro que se produciu desde 2008", afirman desde a plataforma SOS Sanidade Pública

Neste sentido, engaden, as medidas recollidas na proposta da Administración, ampliada para recoller algunhas demandas dos colectivos profesionais, non solucionan "todas as necesidades que temos", sobre todo no primeiro nivel da sanidade. "Só na Atención Primaria perdemos unhas 500 prazas. Pero non se trata só de repoñer efectivos senón de planificar unha rotación de profesionais acorde ás necesidades de saúde e atención das persoas", co fin de evitar unha medicalización "excesiva", e ás veces, mesmo "pouco satisfactoria".