O plan de inspección de servizos sociais da Xunta deixa sen examinar 1 de cada 4 residencias, segundo a CIG

Unha ambulancia xunto a un centro residencial. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O sindicato CIG afirma que tampouco se fará ese control en 60% dos centros de día e de persoas con dispacaidade. “A conselleira anunciou en plena pandemia auditorías cada 15 días”, lembra o sindicato.

O compromiso de inspección dos servizos sociais da Xunta non está a cumprirse. Sinálao o sindicato CIG, que afirma que hai 97 centros de maiores que non van ser inspeccionados en 2021. Unha ausencia de control qure tamén se dará, segundo a central nacionalista, en 154 centros de día, 68 residencias de persoas con discapacidade e 102 centros de atención diurna a estas persoas.

“O DOG do 2 de febreiro recolle o Plan dfe inspección de servizos sociais da Xunta, que deixa sen inspeccionar 25% das residencias de maiores e 60% dos centros de día e de persoas con discapacidade”, critica a CIG.

E o sindicato contrapón isto ao compromiso da conselleira, Fabiola García, “que en plena pandemia anunciou auditorías cada 15 días”. E, aponta a central, isto non se está a cumprir. Hai, denuncian, unha “deixadez de funcións” que deixa “no desamparo” as perdoas usuarias deste tipo de servizos.

“É responsabilidade de Política Social comprobar que se cumpren os protocolos de seguridade”, afirma a CIG, que di que en inspeccións realizadas tense detectado “falta de persoal, non cumprimento das ratios, sobreocupación…”

Entorpece

Unha parte importante do persoal do servizo de Inspección da Consellaría de Política Social séntese molesta ao entender que existe convivencia entre os seus responsábeis políticos e os propietarios das residencias de maiores. Segundo sinala a Nós Diario a mediados de demebro o delegado sindical da CIG no comité de empresa de Política Social da Coruña, Xoán Carlos Ansia, “temos información do malestar dos inspectores por unha serie de medidas que están adoptando os responsábeis da Consellaría para paralizar a tramitación de expedientes elaborados polos servizos de Inspección onde se constatan incumprimentos da normativa legal por parte dalgunhas residencias”.