O plan da Xunta de recuperación do oso está ‘’obsoleto’’ e ‘’superado polos acontecementos’’

Courel

Adega lamenta o desleixo da administración perante “esta xoia do noso patrimonio natural, que podería servir de revulsivo económico, fixador de poboación e motor de desenvolvemento para o Courel’’.

O documento de revisión do Plano de recuperación do oso pardo que a Xunta presentou en 2013, segue sen se aprobar e ficou xa superado polos acontecementos. Así o entenden desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), que se pregunta que é o que fai a Xunta mentres ‘’o oso quere voltar’’ ao noso país.

A asociación incide en que as recentes probas documentais da presenza do oso pardo cantábrico (Ursus arctos) en varias zonas de Ancares e Courel, “son a evidencia de que o oso pardo (oficialmente unha especie extinta na Galiza) está en expansión na cordilleira cantábrica e quere voltar ao noso país”.Porén, indican desde Adega a administración limítase a someter a revisión en 2013 “un Plano de recuperación do oso pardo que databa de 1992. Este documento de revisión aínda non aprobado, foi alegado por Adega no seu intre apontando a súa indefinición, inexactitude e falla de compromiso real: tratábase de un compendio de afirmacións abertas e ambiguas, fuxindo decalquera compromiso efectivo e sen concretar prazos e orzamentos”.

No 2013 Adega tamén apontaba “que a zonificación proposta non tiña en conta os avistamentos e ataques acontecidos en épocas recentes, mesmo os reportados pola propia gardería da Xunta. “Máis preocupante aínda é a falla de concreción e a ausencia de prazos e orzamentos encol da información, educación ambiental e participación social, chaves para evitar a conflitividade social e o choque cos aproveitamentos tradicionais nas áreas oseiras”.