Asinado o contrato para baixar ao pecio do 'Vila de Pitanxo'

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse con familiares das vítimas do 'Pitanxo'. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Un buque de ACSM espera en Vigo data de partida.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, confirmou esta terza feira, após reuniuse con familiares das vítimas do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana formalizou coa empresa ACSM Shipping o contrato de baixada ao pecio, e que xa está "dispoñíbel" en Vigo un barco para iniciar a expedición.

Segundo explicou Gómez Besteiro, foi esta mesma terza feira cando o Ministerio enviou o contrato á empresa adxudicataria, que xa o asinou, polo que agora o seguinte paso será informar á Audiencia Nacional, que é quen investiga o caso xudicialmente.

O delegado do Goberno púxose a disposición das familias co obxectivo de "coordinar e fortalecer" o traslado de información. De feito, foi unha das reivindicacións que lle trasladaron os familiares presentes na reunión, ao tempo que lle reclamaron que o Ministerio envíe toda a documentación solicitada pola Audiencia Nacional para acelerar os trámites e poder acometer a baixada ao pesqueiro cando antes.

A portavoz das familias, María José de Pazo, amosou o seu malestar ao entender que o Goberno demorou o envío dos informes que o xuíz lle pediu sobre o caso e prognosticou un atraso no inicio do operativo, xa que primeiro a Audiencia Nacional ten que acordar con ACSM cando se levará a cabo.

Desde a empresa adxudicataria, o seu director xeral, José Cubeiro, subliñou que "está todo en orde" para executar a encomenda de baixar ao 'Vila de Pitanxo'. E malia recoñecer que aínda non hai data para iniciar a viaxe cara a augas canadenses, asegurou que en Vigo espera o buque Artabro, listo para partir en canto se concreto.

Todas as garantías

Formalizado o contrato, o BNG reclama a colaboración do Goberno do Estado coa Audiencia Nacional para garantir a validez das probas que se poidan atopar durante a baixada ao pecio. Neste sentido, o deputado nacionalista Néstor Rego exixiu que se garanta o cumprimento dos protocolos en materia de investigación e custodia de probas para que as imaxes teñan validez no proceso xudicial.

"O Goberno debe cumprir cos protocolos estabelecidos, tanto nas datas para a saída como no levantamento e custodia das probas e o rexistro de imaxes de vídeo dos restos" precisou.