A piques de abrir o período de solicitude das bolsas e axudas ao estudo do Ministerio: olla aquí cal é o prazo

Estudantes (Foto: RAG).
A principal novidade desta convocatoria é a suba de 5% nos limiares de renda, que permitirá que máis estudantes accedan a unha bolsa.

A convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo para o curso 2024-2025 abrirase esta segunda feira, 19 de marzo, e poderanse solicitar até o 10 de maio a través da sede electrónica do Ministerio español de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Desde que se abra a convocatoria, o alumnado que vaia cursar Bacharelato, Formación Profesional, Ensinos Artísticos, Deportivos, de idiomas ou estudos universitarios, entre outras modalidades de ensinanza, poderá solicitar a súa bolsa.

Como na convocatoria anterior, os alumnos e as alumnas deberán cumprimentar unha serie de datos provisionais, que poderán modificar máis adiante, e deberán facelo aínda que non saiban aínda as notas que obterán este curso, que van estudar no que vén ou se van continuar ou non coa súa formación.

A principal novidade desta convocatoria é a suba de 5% nos limiares de renda, que permitirá que máis estudantes accedan a unha bolsa. Isto súmase ás melloras incorporadas en cursos anteriores como o incremento de 1.600 a 2.500 euros nas bolsas de residencia.

Nas próximas semanas anunciaranse tamén as datas da convocatoria de axudas para estudantes con necesidade específica de apoio educativo. A principal novidade, neste caso, é a redución da porcentaxe de discapacidade que é necesaria acreditar para solicitar estas axudas, que pasa de 33% a 25%.

A convocatoria de bolsas deste ano conta cun orzamento de 2.535 millóns de euros, similar ao do curso anterior debido á prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE), e beneficiará a perto dun millón de alumnos e alumnas que poderán obter unha bolsa que lles permita continuar cos seus estudos.