Caderno de Verán

A pintura conecta esforzos

Unha parede cun mural do artista PichiAvo, que visitou a vila en 2019 (Foto: Turismo Carballo)
A idea Derrubando muros con pintura da Concellaría de Turismo de Carballo traspasa o artístico para mellorar a vila en múltiples aspectos que dependen de distintos departamentos

Atrás fican os estereotipos negativos sobre Carballo. A vila estase a converter nunha obra de arte por dereito propio grazas ao impulso da iniciativa Derrubando muros con pintura e a súa derivación no Rexenera Fest. Esta cita con artistas galegas e chegadas doutras partes do Estado e do mundo vén situando o municipio á vangarda da creación contemporánea unha vez ao ano, xusto antes das festas de San Xoán.

Neste 2020 déronse algunhas adaptacións lóxicas pola situación, pero non se renunciou nin por un segundo a seguir dando vida a aquelas paredes descoidadas. Se todos os anos as estrelas invitadas toman entre cinco e dez espazos, nesta ocasión fixéronse cinco obras de “gran formato especialmente atractivas e que se poden ver os 365 días do ano, as 24 horas do día”.

Desde a Concellaría de Turismo contan que cada ano se deu “saída ao dinamismo cultural” e esa comuñón de cultura e divertimento arraigou mesmo na veciñanza. 

Non se trata de cubrir muros con graffitis, trátase de cambiar o aspecto e a imaxe proxectada cara a fóra apostando pola arte, polas persoas creadoras e polo talento mozo. O evento das e dos muralistas está comisariado por Mutante Creativo, que é contratado polo Concello para algunhas tarefas.

Queda moito camiño por recorrer para seguir presumindo de museo en grandes dimensións, pero polo momento pasaron por Carballo pintores do talle de Aryz, Case Maclaim, Bordalo II, Bosoletti, Yoseba MP, Bosoletti, Dulk, Socram, Mou, Cestola na Cachola e Laura Tova, entre outras. A maioría foron “escollidos polo portfolio, polo seu traballo noutros festivais ou incluso detectando a obra nas redes sociais”.

“Hai placas identificativas en cada pintura”, subliñan.  Todas elas pintadas sobre paredes municipais ou en muros cedidos pola veciñanza.

No rural non hai murais. É un proxecto urbano polo que o itinerario pódese armar no centro. Mesmo con visitas guiadas para grupos previa reserva e como extra vai o anecdotario. Co paso do tempo a rexeneración vai saltando dos edificios ás rúas, nunha visión global da vila.