Liberdade de expresión

Pintadas pola liberdade nun baño público

[Foto: wikipedia] Baño público con pintadas.

Esculca reivindica a liberdade de expresión, agora si. O acto convocado para o 21 de setembro, suspendido polas malas condicións meteorolóxicas, celebrarase finalmente o día 12 de outubro en Compostela, na praza do Toural, ás 12 horas.

Esculca, Observatorio galego para a defensa dos dereitos e liberdades, convoca a súa particular reivindicación da liberdade de expresión nun evento público o vindeiro sábado 12 de outubro, presentado por Isabel Risco. A organización fará denuncia da censura empregando a porta dun WC público que estará instalada na praza do Toural (Compostela) para que as persoas asistentes, desde a intimidade e o anonimato, poidan burlar a censura e expresar o que desexen.

Leo Arremecághona reproducirá a performance coa que leva anos traballando, O cantautor bomba, na que emprega a figura portuguesa do cantor de intervenção para “intervir na realidade a través da música”. Coa única axuda dun cinto de amplificadores ao que conecta a súa guitarra, interpretará un repertorio que se move entre as temáticas da liberdade e a censura.

Esulca decorará a praza compostelá cunha serie de figuras de cartón pluma entre as que se atoparán Rosalía, Curros ou Cabanillas, poetas con corrosivas letras que, segundo apuntan a Sermos Galiza desde a organización, hoxe non poderían facer. Neste senso, Arremecághona sinala a necesidade da reivindicación por “vivirmos nunha neocensura”, nunha sociedade na que a “censura xudicial” volve a estar á orde do día, “pois os acusados son condenados desde o momento en que se fai a denuncia”.