Unha pingueira popular para rehabilitar a Escoliña de Vilar

[Imaxe Escoliña de Vilar]

A veciñanza de Ernes promove unha campaña de micromecenado para rehabilitar a antiga escola e convertela en proxecto educativo. VÍDEO DO INTERIOR. 

Através da plataforma goteo.org a veciñanza de Ernes, na antiga comuna de Negueira de Muñiz, está a procurar apoio económico para levar a cabo a recuperación da que foi a escola de Vilar. Até o momento obtiveron máis de 7 mil euros en apenas un par de semanas e visan acadar 11.216 euros, o orzamento mínimo para poder converter a 'escoliña' nun "espazo para fins educativos e sociocomunitarios". 

Un espazo para crianzas e maiores

A rehabilitación ten un obxectivo duplo, explican no blogue. Dunha banda, cubrir as necesidades educativas da poboación infantil dos lugares de Ernes e Vilar, cada vez máis numerosa, tendo en conta que na actualidade teñen que percorrer traxectos de máis dunha hora para acudir aos centros de ensino, quer na Fonsagrada, quer en Ibias. "Un espazo educativo para o desenvolvemento nunha contorna natural, fomentando e promovendo a autonomía e a participación crítica, nunha relación directa coa natureza", explican. 

Queren construír un espazo "autoxestionado" que cubra as necesidades educativas das crianzas através dun modelo participativo e autónomo

Doutra banda, a infraestrutura tamén acollerá "un espazo para o encontro e desenvolvemento comunitario no que promover actividades culturais e formativas" para as persoas adultas da comunidade "mais que queremos seguir medrando". 

Autoxestión

A Escoliña de Vilar quer ser un "proxecto comunitario e autoxestionado" polo que será a propia veciñanza a que desenvolva boa parte das obras.

A obra substituirá os chans, instalará illamento e arranxará fiestras nun edificio que data de hai un século

Para iso precisan recursos económicos cos que afrontar a compra dos materiais cos que substituír chans, instalar sistemas de illamento, arranxar e pór novas fiestras, tarefas de fontanaría, calefacción de leña, un baño e mesmo un sistema eléctrico através de enerxía fotovoltáica. 

As aportacións poden ser de 10, 20, 30, 50, 100 ou 200 euros e como calquera campaña de micromecenado as persoas que apoian o proxecto reciben tamén un agasallo, entre eles, postais, fancines, unha árbore que acompañará a escola en nome de quen colabore, camisolas ou cestas con produtos locais cultivados pola cooperativa.