Pilar Rodríguez Ledo: "O perfil maioritario da Covid persistente é o dunha muller de entre 36 e 50 anos"

Pilar Rodríguez Ledo é médica de familia e participa no estudo da Covid persistente.
Pilar Rodríguez Ledo é médica de familia e parte da liña de traballo colaborativo en Covid persistente que a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia vén de inaugurar xunto con medio cento de entidades científicas e de doentes do Estado. É o momento de abordar este gran problema de saúde, di, outro reto da pandemia.

—Tras case dous, hai consenso sobre a descrición e o impacto da Covid persistente?

Desde maio de 2020 xurdiron distintas descricións pero todas falaban do mesmo, da mesma entidade que a OMS plasmou na súa definición no mes de outubro. Refírese a un grupo de pacientes que, máis aló da infección aguda, teñen síntomas que persisten ou reaparecen, unha vez resolta. O punto de corte estabelécese nas  12 semanas. Os síntomas da infección aguda tenden a desaparecer despois de catro ou seis semanas, algúns, ás nove. Pero ao cabo de tres meses ningún síntoma pode ser atribuído á fase aguda.

—Que condicións reúne a descrición da doenza que fai a OMS?

Segundo a OMS, o que se require é que os síntomas non só aparezan senón que se manteñan polo menos dous meses. Como é unha definición baseada no consenso, agrupa distintas entidades. Unha, a Covid persistente, e outra, a que fai referencia a doentes con secuelas dunha enfermidade aguda grave, que estiveron na UCI e que manteñen síntomas derivados desa estancia. Agrupa todo dentro do término postcovid, mais é preciso diferenciar ambos os dous escenarios porque teñen un tratamento distinto.

—Que formas adopta con máis frecuencia a Covid persistente?

O problema é que se produce unha resposta multiorgánica. Depende do órgano que se vexa máis afectado en cada paciente para falar duns síntomas ou doutros, de aí os máis de 200 indicios referidos a esta patoloxía. Dentro destes hai algúns que son moito máis comúns. Todos sos da esfera xeral, como a astenia, ese cansazo tan intenso que está presente en 99% dos afectados na casos. Algúns da esfera neurolóxica: déficit de atención, de concentración; esa néboa mental que describen tan ben as doentes. E despois, dores xeneralizadas: artralxias, mialxias, dores óseas, musculares; ademais de falta de aire, taquicardia, baixa frecuencia cardíaca. 

—Hai persoas máis propensas a desenvolver Covid persistente?

Falta moita investigación. Hai que xerar máis coñecemento para dar resposta a este tipo de preguntas. Ademais, o que revelan as distintas vagas é que hai diferenzas entre elas. As persoas contaxiadas nesta sexta vaga, tantas como nas cinco primeiras, non sabemos aínda como se van comportar. Non hai razóns para pensar que o desenvolvemento da Covid persistente sexa distinto. Se con cinco millóns de contaxiados até a quinta vaga tivemos uns 500.000 afectados, con 10 millóns recoñecidos polo Ministerio de sanidade, cifra subestimada, teríamos outros tantas persoas que ás 12 semanas poderían empezar a falar de Covid persistente.
Até o momento temos persoas afectadas de todas as idades. A media sitúase nos 42 anos, 50% teñen entre 36 e 50 e 75% son mulleres. O perfil maioritario é o dunha muller nunha idade activa da vida, familiar e laboralmente.

—Os datos e o impacto que describen as doentes sinalan un problema serio de saúde pública. 

Estamos ante un problema moi importante. É como unha gran bola de neve. A medida que aumentan os contaxios soben as posibilidades de que se incrementen os afectados, que non requiren ingreso nin control nin control específico dunha especialidade, na súa maioría, pero para os cales tampouco  temos ningún tratamento. Temos que pór en marcha tratamentos encamiñados a mellorar o control dos síntomas e a súa calidade de vida. Falamos dunha promoción con moita repercusión social se non se encontra ben. É un problema de saúde pública, sen dúbida. O día a día da pandemia levounos a preocuparnos primeiro da mortalidade e despois do avance dos contaxios. É o momento de recoñecer e abordar este novo reto.

Onde está a causa desta patoloxía?

Non se sabe, explica Pilar Rodríguez Ledo. "Hai distintas teorías que traducen un perfil de doente diferente. Unha, que conta cada vez máis con máis datos que a sustentan, apunta a persistencia do virus no noso organismo, de forma que podería provocar síntomas en forma de gromos". Outras teorías baséanse nunha alteración inmunolóxica "prexudicial". "Este perfil de doentes podería ofrecer unha clínica máis estábel". En calquera caso, advirte, urxe unha xestión e coordinación de todos estes pacientes. "A Atención Primaria está chamada a desempeñar un papel esencial" máis aló das unidades postcovid. "Son doentes cunha alta demanda, cuxas necesidades son difíciles de catalizar ou diagnosticar. Moitos precisan rehabilitación cognitiva e atención á saúde emocional. Non é doado convivir cunha doenza que irrompeu de forma brusca para alterar a vida por completo".