Pilar Conde: "Se ves 'liño da Galiza' é só o nome. Non existe produción de liño aquí, era particular"

Pilar Conde, tecedeira (Fiada Obradoiro)

O oficio de tecedeira foi evolucionando co tempo. Pilar Conde Penas, fundadora xunto con Hipólito de Fiando Obradoiro, namorouse da técnica e dos resultados que daban os teares manuais nunha comunidade rural. Deixou Euskadi para desfacer o camiño que tomaron seus pais da emigración e voltar á terra para dedicarse a crear obras artesanais con elementos naturais. A casualidade fixo que realizase un fular portabebés nun dos seus teares, unha peza que probaron con éxito en todo o Estado español.   

En que momento apareceu o tear na súa vida?

Lembro que a miña nai sempre estivo traballando entre fíos. Tricotaba moito e facía xerseis, mesmo chegou a ter unha tenda na que vendía material para tecer. Nacín entre fíos. Eu axudaba na casa aínda que nun principio seguín con outros estudos. Logo, no meu paso por unha comunidade rural durante trece anos, achegueime ao mundo do tear. Había unha rapaza que traballaba nel e funme iniciando. Co tempo perfeccioneime no obradoiro Teixidors en Catalunya, un dos máis importantes e recoñecidos hoxe en día. Volvín á Galiza e montei un pequeno obradoiro cun primeiro tear, agora teño catro.

Como conseguiu os teares?

En realidade hai moitos modelos de teares. Os nosos son algo especiais para conseguir sacar máis produción adiante. Sacamos o modelo duns tradicionais nórdicos. Foi Juan Ruíz, o enxeñeiro téxtil catalán fundador do obradoiro Teixidors, quen, xunto co meu home nunha carpintería, fixeron os primeiros teares para nós e para eles. Pódese dicir sen mentir que os fixemos nós. Teñen a particularidade de que son manuais mais con lanzadeira voante.

Evitan o traballo de metela polo medio dos fíos coas mans por levar un mecanismo que funciona estirando dun manubrio e a través dunhas cordas consegue que entre só. Tende á idea dos teares industriais mais é manual. Se non tes unha produción lixeira é imposíbel gañar a vida co tear.

Canto tempo se tarda en facer unha peza co tear?

Depende. Se a tea é moi fina ou de lá gorda muda todo. A máis doada, con fíos gordos, podes tardar unha hora en facer un metro. Iso sempre sen parar a facer debuxos. No caso de ser liño moi fino con cores podes tardar un día en facer un metro. 

Como se consegue o material para tecer? É difícil conseguir liño, por exemplo?

Non é difícil, o caso é que hai tantas variedades que a dificultade vén por conseguir as que funcionen ben, que estean ben dobradas, que sexan de primeira calidade. Hai lugares que coñece todo o mundo, en realidade é doado conseguir fío de liño. Mais se buscas algo especial tes que ir a Italia ou aos Países Baixos.

Logo xa non se fai liño na Galiza?

Non. Se ves "liño da Galiza" é só o nome. Non existe produción de liño na Galiza. Fíxose moito nas casa para uso particular mais nunca para vender.

Estase perdendo este oficio?

De momento somos unhas cantas, mais está perdéndose. Se buscas rendibilidade co tear tes que ir por outro camiño e procurar o traballo artístico. A maior parte das que traballamos co tear temos outra fonte de ingresos e dedícaste a isto porque che gusta moito. Vivir do tear é moi difícil. 

Hai cinco anos creou o primeiro fular portabebés do Estado. Como foi esa experiencia?

Púxose en contacto comigo Ana de Vilatuxe, que daquela participaba nun colectivo de lactancia natural, coa idea de que fixera un fular á man con tecidos naturais. Probárono elas en primeiro lugar a nivel galego e logo propuxéronme que fixese un fular para que viaxase por todo o Estado español. Acompañeino dun caderno e pedín que cada nai anotase a súa experiencia nel. Foi unha experiencia moi fermosa. Veu de volta e téñoo gardado xunto co caderno. Recoñezo que foi un éxito e tiven moitas demandas dese fular feito con tecidos naturais.