EDUCACIÓN

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público pide á Xunta que non aplique os recortes de Madrid e que os recorra perante o Constitucional

Preséntase en sociedade a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, integrada por organizacións representantes das distintas pólas da comunidade educativa galega que manifestan o seu rexeitamento ao Real Decreto-lei 14/2012 e os recortes que contempla

Rexeitar o Real Decreto-lei 14/2012 e exixir á Xunta que se opoña á súa aplicación en Galiza e o recorra perante o Tribunal Constitucional son os dous obxectivos centrais da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Recén creada, presentouse en sociedade esta sexta feira, e baixo o seu paraugas agrúpanse entidades que representan todas as pólas da comunidade educativa galega.

Cunha axenda de mobilizacións que xa foi anunciada, o que se pretende é pór freo aos recortes que a norma antes citada, ditada polo Goberno español en materia de Educación, prevé para o ensino público, invadindo incluso as competencias da Xunta, nomeadamente no que ten a ver co horario do profesorado e a cobertura de baixas, asuntos nos que a Consellaría de Educación ten competencias exclusivas. A Plataforma lembrou que a aplicación dese decreto en Galiza, ademais de liquidar a igualdade de oportunidades ao incrementar as taxas académicas e de vulnerar o dereito á Educación ao non cubrir os dez primeiros días das baixas --sexa cal for a duración destas--, suporá o despedimento de máis de 2.000 docentes.

Así as cousas, e malia ás palabras do titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, negando que na Galiza foran incrementarse as ratios, Xoán Costa, voceiro da Plataforma en representación da AS-PG --Asociación Socio-Pedagóxica de Galiza--, apuntou que en ningún colexio do país, agás en casos puntuais nas escolas do rural, a relación de alumnas e alumnos por docente é de 9.2, senon moito maior. Pola súa banda, Anxo Louzao, responsábel nacional da CIG-Ensino, criticou que o incremento do número de persoas por aula seguindo a proposta española --até 30 na Primaria, 36 na Secundaria e 42 no Bacharelato-- "mingua a calidade das aulas, incrementa o fracaso escolar e retrotráenos á época franquista, ao invadir competencias sen respectar o Estado das Autonomías".

Segundo os datos da central nacionalista, a Xunta que lidera Feijóo reduciu en 425 millóns os orzamentos para o ensino público en relación ao 2009 e aplicou toda unha restra de medidas orientadas á privatización deste servizo, incrementando as axudas aos centros privados concentrados mesmo cando segregan o alumnado por sexos. Tamén é o ensino privado o que sae beneficiado deste incremento das ratios proposto polo Goberno español, segundo explicou Xoán Costa, pois "cobran por alumno".

No caso das escolas públicas, o Decreto contempla tamén a imposición dunha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado --que se traduciría en que cada docente deberá impartir materias das que non é especialista--; a eliminación do requisito de ofertar dúas modalidades de Bacharelato --que suporía que só poderán acceder á vía desexada aquelas rapazas e rapaces que poidan afrontar o desprazamento ao centro que a oferte--; adiar a implantación de ciclos de formación profesional --que prexudica ás persoas que buscan unha saída laboral nun momento no que Galiza suma xa 265.600 persoas desempregadas--.