Piden á Xunta que non permita a libre circulación de cazadores durante a pandemia

Imaxe dun cazador (Foto: Europa Press)

“Supón un risco para a saúde pública, para a seguridade viaria e para os usuarios do monte e o rural galego”, afirma Ecoloxistas en Acción.

Ecoloxistas en Acción denuncia que en plena pandemia a Xunta permite “a total liberdade de movemento aos cazadores galegos (federados ou non)” e engade que “a franxa de idade e o sexo maioritario dos cazadores na Galiza é varón maior de 50 anos, precisamente o grupo social marcado polo ministerio de sanidade como grupo de risco para a Covid”.

Por iso, esta organización entende que permitir a libre circulación dun grupo de idade de alto risco dende zonas perimetradas pola alta incidencia da Covid “cara a zonas rurais cun porcentaxe de poboación envellecida é unha temeridade”.

Consideran que “se a poñer en risco a saúde pública do rural galego” e demanda á Xunta “que non permita a libre circulación dos cazadores polo territorio galego, xa que supón un risco para a saúde pública, para a seguridade viaria e para os usuarios do monte e o rural galego”.

Engade, ademais, que non existen “datos científicos contrastados que sinalen a necesidade de declarala caza como actividade esencial en plena pandemia”.